ERC votará "non" á nova prórroga do estado de alarma polo coronavirus. A formación soberanista catalá optara ata agora pola abstención
Fálase
Pablo Casado asegura que "a día de hoxe" o PP "non pode apoiar" a nova prórroga do estado de alarma polo coronavirus, cuxo remate reclamou Feijóo este domingo. Pola banda do PNV, cuxos votos resultan clave, o seu presidente pide que o novo decreto da alarma inclúa un "mecanismo de pacto" coas autonomías para o desconfinamento e a recuperación da "normalidade" nas competencias, sinala Andoni Ortuzar. (Imaxe: PP)
O BOE publica a resolución que permite solicitar un subsidio extraordinario de desemprego para persoas con contratos temporais que quedasen sen traballo no estado de alarma polo coronavirus e mais o subsidio extraordinario para persoal que traballaba en labores do fogar
O BOE publica as ordes do Goberno central para a fase cero do desconfinamento, que comeza mañá, con aspectos concretos para o uso obrigatorio de máscaras no transporte público, as primeiras aperturas de negocios ou a toma de decisións compartida coas autonomías. Estamos a ampliar a información neste espazo
O Goberno central prevé permitir reunións de ata 10 persoas en vivendas particulares na fase 1 do desconfinamento. Así o vén de avanzar o Ministerio de Sanidade que, como sinalou Pedro Sánchez esta mañá, se dispón a concretar diversos aspectos do levantamento das restricións. A fase 1 comezará a partir do día 11 de maio naqueles territorios que cumpran os requisitos sanitarios e de circulación do virus, que o propio Ministerio de Sanidade tamén está a ultimar, pero que xa se coñecen en termos xerais. (Na imaxe, Fernando Simón esta mañá en rolda de prensa © Borja Puig de la Bellacasa/ Goberno de España)
Pedro Sánchez anuncia a obrigatoriedade do uso das máscaras hixiénicas a partir do vindeiro día 4 en todo o transporte público, no inicio da nova fase do desconfinamento. O presidente do Goberno central avanza que, para facilitar o cumprimento desta obriga, o Estado distribuirá 6 millóns de máscaras directamente e achegará 7 millóns á Federación Española de Municipios e Provincias, ademais dun millón e medio a entidades sociais como Cáritas, Cruz Vermella ou CERMI. Ampliamos neste espazo o anunciado por Sánchez
A chuvia acompaña na metade occidental de Galicia ás primeiras saídas permitidas na nova fase do confinamento. Non obstante, segundo Meteogalicia, as precipitacións cesan dende mediodía e mañá, domingo, será unha xornada solleira con temperaturas altas.
En Lugo comezou o pintado das zonas de xogo na rúa da iniciativa 'Tecendo Brincadeiras'. Nos vindeiros días habilitaranse 60 puntos de xogo repartidos en 6 zonas distintas da cidade
A crise do coronavirus elevará o déficit do Estado español ao 10,34% do PIB en 2020 e a débeda pública ao 115,5%, segundo as previsións das que deu conta este venres a ministra de Facenda, Maria Jesús Montero. A taxa de paro chegará ao 19% e a economía caerá un 9,2%. Pola contra, prevese un incremento do PIB do 6,8% en 2021.
O BOE publica a orde ministerial que desenvolve as condicións nas que se poderá saír á rúa a partir deste sábado. O documento confirma os horarios e detalles apuntados polo ministro de Sanidade para uns paseos (no radio dun quilómetro ao redor das vivendas) que non terán límite de tempo dentro das franxas horarias indicadas e que non se aplicarán nos concellos de menos de 5.000 habitantes. Está prohibido coller vehículos de motor ou empregar o transporte público para desprazarse a outros lugares a facer deporte