O Concello de Porto do Son pide á Xunta que restrinxa o horario de pubs e discotecas no seu municipio ata a unha e media da madrugada para paliar o risco de contaxio do coronavirus. "As aglomeracións de xente en torno ao exterior dalgún local, o consumo de bebidas alcohólicas na rúa e a falta absoluta de seguimento das medidas de prevención xeran un risco importante". O goberno local, que se dirixiu por carta á Vicepresidencia do Goberno galego, confirma que ten en marcha os "oportunos expedientes sancionadores" contra algúns destes locais.
Fálase
Un DOG extraordinario publicado na noite deste mércores fai oficiais só dúas horas antes da súa entrada en vigor novas restricións polo coronavirus, algunhas delas anunciadas este mediodía por Feijóo.
O Concello de Viveiro cancela o Resurrection Fest XS ao retirar o permiso de uso dos seus espazos un día despois de que organización e Xunta presentasen o programa. A organización di non compartir “en absoluto” a decisión pero acátaa e reafirma o seu compromiso coa vila.
Marea de Vigo súmase a varias entidades sociais que rexeitan a instalación dunha estatua relixiosa de cinco metros de alto no monte da Guía. A formación pide manter a laicidade dos espazos públicos fronte á disposición do Concello a instalar no visible monte vigués unha figura do “Sagrado Corazón”.
Un xulgado de Madrid imputa a Podemos como persoa xurídica e ao seu tesoureiro na causa polo financiamento do partido que encabeza Pablo Iglesias, iniciada tras unha denuncia do ex-avogado da formación, que fora despedido do seu posto de traballo. Podemos coida que esta é unha "causa xeral" contra o partido baseada en "sospeitas" e que inclúe o delito de malversación para que Vox poida comparecer na causa.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia propón a Feijóo "tres medidas básicas para o xornalismo galego" na nova lexislatura: "a elaboración dunha Lei de Publicidade Institucional", recorrentemente prometida polo propio PP galego, "a creación do Consello de Comunicación de Galicia" e o cumprimento dos artigos aínda pendentes da lei dos medios públicos de comunicación. O decano da entidade, Francisco González Sarria, trasladou as demandas mediante unha carta ao líder do PP, que se dispón a ser reelixido na Presidencia da Xunta.
A Xunta volve publicitar o seu arranxo de estradas de Valdeorras deterioradas polas canteiras de lousa. O Goberno galego informa este martes do inicio das obras recoñecendo novamente o efecto sobre as vías autonómicas dos “vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras”.
Tras o prolongado período sen chuvias en boa parte de Galicia, AEMET e Meteogalicia activan alertas amarelas e laranxas por treboadas e intensas precipitacións en múltiples concellos do país para hoxe e mañá. Máis detalles, nos sitios web de AEMET e Meteogalicia. (Mapa: AEMET)
A Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña recorre ante o Tribunal Superior o peche de pubs e discotecas e a limitación horaria de bares e restaurantes aplicados pola Xunta para frear os contaxios da COVID-19 na comarca. Argumentan que as medidas son un "acto de fe" que "conculca as liberdades individuais". Recólleo La Opinión de A Coruña
Adif conclúe a retirada dos vagóns do tren de mercadorías descarrilado que guindaran ao río Sil. O administrador ferroviario agrega que se dispón a "continuar coa limpeza e restauración da zona" e a "reparación da vía afectada". Mentres, seguen adiante os procesos sancionadores da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e mais da Xunta por mor do impacto ambiental do acontecido.