Un DOG extraordinario publicado na noite deste mércores fai oficiais só dúas horas antes da súa entrada en vigor novas restricións polo coronavirus, algunhas delas anunciadas este mediodía por Feijóo.
Fálase
O Concello de Viveiro cancela o Resurrection Fest XS ao retirar o permiso de uso dos seus espazos un día despois de que organización e Xunta presentasen o programa. A organización di non compartir “en absoluto” a decisión pero acátaa e reafirma o seu compromiso coa vila.
Marea de Vigo súmase a varias entidades sociais que rexeitan a instalación dunha estatua relixiosa de cinco metros de alto no monte da Guía. A formación pide manter a laicidade dos espazos públicos fronte á disposición do Concello a instalar no visible monte vigués unha figura do “Sagrado Corazón”.
Un xulgado de Madrid imputa a Podemos como persoa xurídica e ao seu tesoureiro na causa polo financiamento do partido que encabeza Pablo Iglesias, iniciada tras unha denuncia do ex-avogado da formación, que fora despedido do seu posto de traballo. Podemos coida que esta é unha "causa xeral" contra o partido baseada en "sospeitas" e que inclúe o delito de malversación para que Vox poida comparecer na causa.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia propón a Feijóo "tres medidas básicas para o xornalismo galego" na nova lexislatura: "a elaboración dunha Lei de Publicidade Institucional", recorrentemente prometida polo propio PP galego, "a creación do Consello de Comunicación de Galicia" e o cumprimento dos artigos aínda pendentes da lei dos medios públicos de comunicación. O decano da entidade, Francisco González Sarria, trasladou as demandas mediante unha carta ao líder do PP, que se dispón a ser reelixido na Presidencia da Xunta.
A Xunta volve publicitar o seu arranxo de estradas de Valdeorras deterioradas polas canteiras de lousa. O Goberno galego informa este martes do inicio das obras recoñecendo novamente o efecto sobre as vías autonómicas dos “vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras”.
Tras o prolongado período sen chuvias en boa parte de Galicia, AEMET e Meteogalicia activan alertas amarelas e laranxas por treboadas e intensas precipitacións en múltiples concellos do país para hoxe e mañá. Máis detalles, nos sitios web de AEMET e Meteogalicia. (Mapa: AEMET)
A Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña recorre ante o Tribunal Superior o peche de pubs e discotecas e a limitación horaria de bares e restaurantes aplicados pola Xunta para frear os contaxios da COVID-19 na comarca. Argumentan que as medidas son un "acto de fe" que "conculca as liberdades individuais". Recólleo La Opinión de A Coruña
Adif conclúe a retirada dos vagóns do tren de mercadorías descarrilado que guindaran ao río Sil. O administrador ferroviario agrega que se dispón a "continuar coa limpeza e restauración da zona" e a "reparación da vía afectada". Mentres, seguen adiante os procesos sancionadores da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e mais da Xunta por mor do impacto ambiental do acontecido.
A Secretaría Xeral de Igualdade constata un incremento do 35% nas chamadas ao Teléfono de Información á Muller no primeiro semestre do ano. Producíronse 1.842 consultas nestes seis meses, 477 máis que no mesmo período de 2019. A maioría tivo relación coa atención psicolóxica seguida das preguntas sobre recursos e cuestións xurídicas. Os 82 centros de Información á Muller galegos recibiron 5.465 consultas neste semestre, 779 máis que no mesmo período do ano anterior (un 16,6% máis). Porén, os datos ata marzo indican que as denuncias descenderon un 19,5% e ata as 1.397, a maioría concentradas nas provincias da Coruña e Pontevedra.