PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego reducíronse en 6.428 persoas en Galicia durante o pasado mes de xuño e o total queda en 184.654 persoas, 29.405 máis que un ano antes. No mesmo mes, a afiliación á Seguridade Social incrementouse en 10.268 persoas, pero o total segue en 38.550 por baixo de hai doce meses a causa do coronavirus, quedando en 986.642. Ampliamos a información neste espazo
Fálase
Un traballo sobre recubrimentos alimentarios dun equipo investigador do Campus de Lugo da USC convértese no artigo máis citado da principal revista do mundo no eido da Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos ‘Food Hydrocolloids’. GCiencia explica a importancia desta publicación de Patricia Cazón e Manuel Vázquez e a súa repercusión. (Na imaxe, da USC, a investigadora Patricia Cazón)
12X | Xa están dispoñibles no sitio web da CRTVG os debates electorais provinciais emitidos ás 10 desta mañá, durante o bos días. Nestas ligazóns pódense recuperar os debates da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que a canle pública reporá a partir das 11 da noite de hoxe e mañá pola G2.
Hoxe reabre a fronteira con Portugal, pechada dende o inicio do confinamento polo coronavirus. Concellos de ambas beiras da raia veñen reclamando dende hai semanas a reapertura. Na imaxe, unha das protestas de responsables de concellos galegos e portugueses.
12X | A TVG emite esta mañá dende as 10:00 debates electorais provinciais coas cabezas de lista das forzas políticas por cada circunscrición. Estes debates, gravados durante o martes, serán repostos a partir das 11 da noite deste mércores e xoves na G2. Estes debates son tamén a sete bandas, como o de líderes do luns, e duran 60 minutos.
A Deputación de Lugo solicita a nacionalización de Alcoa ao aprobar o pleno unha moción impulsada polo BNG. O Goberno central esixe á multinacional que devolva máis de 800 millóns en axudas de non garantir o emprego en San Cibrao.
O Goberno portugués disponse a nacionalizar a aeroliña TAP por mor da crise do coronavirus: "Estamos preparados para intervir e salvar a empresa", advirte o Executivo de António Costa. A privatización definitiva da TAP fora un dos acordos do anterior goberno de Portugal coa troika no marco do rescate. O xornal Público percorreu nesta cronoloxía a traxectoria da empresa entre a propiedade pública e a privada.
Vítimas de Angrois concéntranse ante Enagas en protesta pola “porta xiratoria da vergoña” do nomeamento de José Blanco como conselleiro da empresa pública. O ex-ministro socialista desvinculouse de calquera decisión sobre a seguridade na liña do accidente pero os afectados atribúenlle responsabilidades políticas.
O concurso para dicir adeus ao teléfono como medida de seguridade para evitar choques de trens na liña de Feve volve adiarse. Segundo publica no BOE, Adif non comezará a avaliar ata dentro dun mes as ofertas presentadas a un procedemento lanzado hai oito meses polo Goberno central.
A Xunta permite que as concesionarias de bus con liñas entre provincias deixen sen prestar o 20% dos servizos a partir do 1 de xullo. O resto de liñas deberán volver ao 100% dos servizos existentes antes do coronavirus, segundo publica este martes no DOG. O pasado venres o Goberno galego prorrogou ás concesionarias diversos prazos para mellorar os seus servizos ao tempo que a conselleira, no primeiro día de campaña electoral, publicitou bus gratis para a mocidade.