Santiago acolle do xoves ao sábado a primeira reunión da historia de ministros de Economía da UE e Latinoamérica. No marco da presidencia española do Consello da UE Compostela será sede de diversos encontros oficiais e foros privados que debaterán desde medidas de coordinación de políticas monetarias e fiscais ata o futuro da Amazonía. O Goberno de España sinala que haberá un dispositivo policial de máis de 1.250 axentes. [Imaxe: Turismo de Santiago]
Fálase
Alberto Ramos gaña o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña. A obra, Conxo, non restraint, xira arredor da violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo e o xurado salientou dela "a concreción da denuncia baseada nun afinado proceso de investigación, a linguaxe limpa e estilizada moi acorde co tema que aborda o texto e a ousadía á hora de retratar un asunto moi delicado".
Esta mesma fin de semana entrevistamos a Alberto Ramos pola súa anterior obra, a novela Os corpos dos Romanov (Galaxia), gañadora do premio Repsol: "Hai libros oportunos e libros oportunistas que ocupan espazos que non lles corresponden".
Buscan na costa de Alacant unha galega de 43 anos que caeu ao mar desde un buque do CSIC. Salvamento Marítimo e Garda Civil procuran unha muller de Cangas que traballaba de camareira no barco oceanográfico García del Cid.
A Xunta atribúe un incendio en Coles o 1 de setembro ás obras de modernización da liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo. O Goberno galego di que a investigación da Policía Autonómica do lume que afectou 0,11 hectáreas "puxo de manifesto que o incendio foi provocado durante os traballos", que se realizaban "sen as debidas medidas de seguridade". As dilixencias por estes feitos foron remitidas aos xulgados de Ourense.
Luis Rubiales dimite como presidente da Federación Española de Fútbol e vicepresidente da UEFA. A dimisión chega tres semanas despois de que a selección feminina de fútbol gañase o Mundial e máis de dúas semanas despois do seu incendiario discurso contra "a lacra do falso feminismo".
A Consellería de Educación non descarta reunirse cos sindicatos para negociar a redución das ratios, os horarios docentes e a carga burocrática. CIG-Ensino, CCOO e ANPE ameazaron con folga de non iniciarse as negociacións. O conselleiro de Cultura e Educación di que "todo se pode falar e que todo é mellorable" nunha entrevista na Radio Galega.
Un ataque ruso mata unha cooperante española en Ucraína. Emma Igual, de 32 anos, morreu, segundo confirmou o Ministro de Asuntos Exteriores de forma verbal, tras ese ataque no que tamén faleceu o seu compañeiro canadense. Ambos traballaban para a ONG Road to Relief axudando na evacuación de civís en Bajmut. A entidade explica o sucedido na súa conta de Instagram.
As vítimas do terremoto en Marrocos superan xa as 2.000. Máis de dous milleiros están tamén feridas, das que unhas 1.400 atópanse en estado crítico tras o sismo de magnitude 7 na escala Richter. Foto: Moroccan Red Crescent Society
Falece o lingüísta e escritor galego-británico Carlos Durão, figura do movemento galeguista en Europa, tradutor na BBC, promotor nos anos 80 da Associaçom Galega da Lingua (AGAL) e membro da Academia Galega da Língua Portuguesa.
Case 6.000 raios rexistráronse en Galicia na pasada noite, marcada polas tormentas en boa parte do país. Toda Galicia estará este sábado en aviso amarelo de novo por fortes tormentas desde o mediodía. Imaxe: CC-BY-SA Blitzortung.