Nas fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta 🙂

Nas fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta 🙂
Rafa Domínguez, candidato do PP en Pontevedra: “Fun unha vez aos touros con 15 anos e xurei que non volvería máis”. O popular pronúnciase sobre as touradas na cidade e di, segundo recolle Pontevedraviva.com, que respecta a quen vai á praza e a quen se manifesta en contra, pero que se é alcalde “non me verán”. [Imaxe: PP de Pontevedra]
O Concello de Ribadeo volve reclamar á Xunta que evite que turistas amoreen pedras na praia das Catedrais, espazo natural protexido. O goberno local di que xa deu instrucións aos seus socorristas, pero lembra que a competencia en materia de medio ambiente é da Xunta, encargada de controlar os accesos ao areal.
Medio Rural declara a Situación 2 de emerxencia na área de influencia do distrito forestal XI O Ribeiro - Arenteiro pola proximidade dos lumes rexistrados nos concellos do Irixo, de Boborás e do Carballiño a diversos núcleos de poboación da contorna.
O lume do Irixo, na parroquia de San Cosmede de Cusanca, iniciouse ás 12.30 horas deste mediodía e segundo as últimas estimacións da Consellería afecta unha superficie de 240 hectáreas. No de Boborás, na parroquia de Astureses, o lume comezou ás 17.30 horas e no concello do Carballiño, na parroquia de Longoseiros, o incendio está activo desde as 15.51 horas desta tarde. [Imaxe do lume do Irixo: ATBRIF]
O DOG publica o decreto que autoriza o inicio de actividades da universidade de Abanca, aprobado polo Consello da Xunta o 27 de xullo pero ocultado polo presidente Rueda na rolda de prensa posterior. A universidade foi recoñecida por unha lei do Parlamento apoiada só polo PP hai un ano.
Un incendio en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, que comezou este martes pouco antes das dúas do mediodía, xa leva 90 hectáreas ardidas. A Consellería do Medio Rural non informa de máis lumes novos ata as 19.30 horas, os incendios de Verín e Ponte Caldelas están controlados, o de Boiro permanece estabilizado e o de Monfero, dentro do Parque Natural Fragas do
Eume, dáse por extinguido desde esta tarde. [Imaxe: Brif de Laza]
O Estado financiará á Xunta para exhumar tres foxas de vítimas do franquismo en Lousame, na Capela e en Celanova. Así o confirmou o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, durante unha visita ao que fora campo de concentración dos golpistas en Camposancos (A Guarda), na imaxe. A achega, de algo máis de 104.000 euros, está destinada a financiar "os traballos de localización, exhumación e identificación" das vítimas, así como a "difusión posterior, a dignificación dos lugares e a reparación da memoria das vítimas".
Os derbis galegos da temporada 22-23 da ACB xa teñen data: o Breogán recibirá ao Obradoiro no Pazo o 8 de xaneiro (17h) e o partido de volta no Fontes do Sar disputarase o 25 de marzo (18h). O calendario completo da máxima competición do baloncesto masculino pódese descargar nesta ligazón. Na temporada pasada, o conxunto compostelán impúxose ao lucense en Sar e os breoganistas levaron o partido xogado na súa casa. Na imaxe, canto do himno galego no derbi do pasado marzo [© CB Breogán]
Renfe abriu este luns un rexistro na súa web para obter o abono gratuíto para viaxes recorrentes en Media Distancia e Cercanías. As persoas usuarias comezarán a recibir o abono o 24 de agosto e este será válido do 1 de setembro ao 31 de decembro.
Nas fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta 🙂