A folga xeral pola vivenda será o 11 de novembro, data proposta polo Sindicato de Inquilinas e aceptada por CCOO e UGT, segundo adianta El País. A CIG, sindicato maioritario en Galicia, aprobou tamén a convocatoria deste paro de 24 horas.
A folga xeral pola vivenda será o 11 de novembro, data proposta polo Sindicato de Inquilinas e aceptada por CCOO e UGT, segundo adianta El País. A CIG, sindicato maioritario en Galicia, aprobou tamén a convocatoria deste paro de 24 horas.
Aprazada a folga médica indefinida prevista para o vindeiro 28 de outubro "ata que exista un novo goberno" no Estado "con plena capacidade para gobernar". A Unión Médica e Facultativa, que inclúe as organizacións galegas O'Mega e Simega, decide adiar o paro pero asegura que manterá as mobilizacións durante a campaña.
Abre na Coruña o novo Espazo Cultural Manuel María para a promoción da cultura galega, impulsado pola fundación do escritor chairego. O recinto, no Orzán, acollerá concertos, cursos e diversas actividades culturais. O vindeiro 16 de outubro celebrase neste local o concerto De Manuel María a Begoña Caamaño, coa actuación de Uxía, Santi Cribeiro e Sérgio Tannus.
Os sindicatos cualifican de "histórica" a xornada de folga deste pasado martes no ensino concertado e cifran no 65% o seguimento do para para exixir "melloras laborais". O profesorado da escola privada sostida con cartos públicos (convocado por FSIE, UGT, CCOO, USO, SNEP e CIG) pide a súa "homologación salarial" coa rede pública, a redución da carga lectiva ou a regulación da xubilación parcial para todo o persoal.
Alerta laranxa por chuvia esta tarde no interior da provincia da Coruña e no centro e na montaña da de Lugo. As actividades escolares no exterior están suspendidas desde as 15 horas.
A Xunta de voceiros e voceiras da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) condena por unanimidade a agresión sufrida polo seu presidente, o alcalde socialista de Vilagarcía, Alberto Varela, nunha rúa da súa localidade ao berro de "rojos de mierda". Nunha declaración institucional sinalan o acontecido como "feitos gravísimos e intolerables, cometidos por diverxencias de opinión política que non poden ter cabida nunha sociedade democrática". Este órgano está composto polo alcalde de Poio, Ángel Moldes (PP); a alcaldesa de Betanzos, María Barral (PSdeG) e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García (BNG).
O Consello de Ministros volve aprobar os decretos de vivenda derrogados a pasada semana no Congreso cos votos do PP, Vox e Junts para que sexan votados na Deputación Permanente, órgano que substitúe ao pleno pola disolución das Cortes a causa da convocatoria das eleccións xerais. O segundo decreto, o das prórrogas automáticas dos alugueiros, só entraría en vigor no improbable caso de que sexa convalidado, especificou Pedro Sánchez, que detallou persoalmente as medidas tras o Consello. [© Pool Moncloa]
A patronal considera "inadmisible" a folga xeral anunciada pola crise da vivenda. A CEOE e mais CEPYME están en contra de que "se pretenda trasladar ás empresas, aos seus traballadores e á actividade económica o custo dunha medida de presión que sinala o goberno e a súa xestión". Aseguran que as reivindicacións "non son de natureza laboral" tras o anuncio de CCOO e UGT, que no seu comunicado aclaran que o paro é tamén por "salarios dignos" e que demandan a renovación do acordo para a negociación colectiva e o desbloqueo dos convenios en moitos sectores.
Novas manifestacións pola vivenda en Santiago e Pontevedra este luns. Un milleiro de persoas secundaron a protesta da Coordinadora da Mocidade Socialista "contra o réxime de rendistas e empresarios" en Compostela e máis de 2.000 saíron á rúa na cidade pontevedresa convocadas polo Colectivo pola Vivenda nunha marcha na que participou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Fotos: CC-BY-NC-SA BNG / CMS.
Os sindicatos UGT e CCOO acordan apoiar a folga xeral pola crise da vivenda que xa acordara convocar a CGT xunto ao Sindicato de Inquilinas. Máis información, decontado en Praza.gal.