Alerta laranxa por chuvia esta tarde no interior da provincia da Coruña e no centro e na montaña da de Lugo. As actividades escolares no exterior están suspendidas desde as 15 horas.
Alerta laranxa por chuvia esta tarde no interior da provincia da Coruña e no centro e na montaña da de Lugo. As actividades escolares no exterior están suspendidas desde as 15 horas.
A Xunta de voceiros e voceiras da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) condena por unanimidade a agresión sufrida polo seu presidente, o alcalde socialista de Vilagarcía, Alberto Varela, nunha rúa da súa localidade ao berro de "rojos de mierda". Nunha declaración institucional sinalan o acontecido como "feitos gravísimos e intolerables, cometidos por diverxencias de opinión política que non poden ter cabida nunha sociedade democrática". Este órgano está composto polo alcalde de Poio, Ángel Moldes (PP); a alcaldesa de Betanzos, María Barral (PSdeG) e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García (BNG).
O Consello de Ministros volve aprobar os decretos de vivenda derrogados a pasada semana no Congreso cos votos do PP, Vox e Junts para que sexan votados na Deputación Permanente, órgano que substitúe ao pleno pola disolución das Cortes a causa da convocatoria das eleccións xerais. O segundo decreto, o das prórrogas automáticas dos alugueiros, só entraría en vigor no improbable caso de que sexa convalidado, especificou Pedro Sánchez, que detallou persoalmente as medidas tras o Consello. [© Pool Moncloa]
A patronal considera "inadmisible" a folga xeral anunciada pola crise da vivenda. A CEOE e mais CEPYME están en contra de que "se pretenda trasladar ás empresas, aos seus traballadores e á actividade económica o custo dunha medida de presión que sinala o goberno e a súa xestión". Aseguran que as reivindicacións "non son de natureza laboral" tras o anuncio de CCOO e UGT, que no seu comunicado aclaran que o paro é tamén por "salarios dignos" e que demandan a renovación do acordo para a negociación colectiva e o desbloqueo dos convenios en moitos sectores.
Novas manifestacións pola vivenda en Santiago e Pontevedra este luns. Un milleiro de persoas secundaron a protesta da Coordinadora da Mocidade Socialista "contra o réxime de rendistas e empresarios" en Compostela e máis de 2.000 saíron á rúa na cidade pontevedresa convocadas polo Colectivo pola Vivenda nunha marcha na que participou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Fotos: CC-BY-NC-SA BNG / CMS.
Os sindicatos UGT e CCOO acordan apoiar a folga xeral pola crise da vivenda que xa acordara convocar a CGT xunto ao Sindicato de Inquilinas. Máis información, decontado en Praza.gal.
O Concello de Santiago inicia os trámites para subir o IBI a 16 vivendas baleiras propiedade de bancos na cidade. Explica a voceira municipal, Míriam Louzao, que estes expedientes -que se suman a outros tres xa iniciados- se dirixen a inmobles inscritos no censo de vivendas baleiras do Goberno galego. En función das características de cada inmoble, esa suba pode ser do 50%, do 100% ou do 150%. Na mesma Xunta de Goberno o goberno local de BNG e CA aprobou a ordenación dunha parcela para que o IGVS poida construír 36 vivendas de promoción pública na Volta do Castro.
A Coordinadora da Mocidade Socialista convoca unha "mobilización de urxencia" este luns ás 21 horas na Alameda de Santiago "contra o réxime de empresarios e rendistas" e ante o anuncio da convocatoria de eleccións anticipadas.
O Tribunal Constitucional fai pública a sentenza que rexeita o recurso da Xunta contra a lei estatal de vivenda de 2023. O alto tribunal avanzou hai uns días a súa decisión e agora divulga o texto íntegro.
Bolsonaro fillo gaña cun 47% a primeira volta das eleccións en Brasil ante Lula, que obtén o 45%. Jair Bolsonaro e Lula volverán enfrontarse na segunda volta o 25 de outubro. [Foto: Goberno de Brasil]