O TSXG prevé que o xuízo do caso Angrois "poida comezar a celebrarse no primeiro trimestre de 2022", polo que a sentenza non chegaría, cando menos, ata 9 anos despois do accidente. Así o avanzou o alto tribunal galego no marco dunha "xuntanza organizativa" con xuízas e xuíces dos xulgados de Santiago.
Fálase
O Diario Oficial de Galicia publica as mudanzas nas restricións da Xunta pola COVID-19 que estarán en vigor dende a vindeira medianoite. Ademais dos cambios de nivel por concellos, inclúe a ampliación de capacidade dos mercados, feiras e congresos e o permiso para reiniciar, aínda que con limitacións, a actividade das atraccións de feira.
- MAPA INTERACTIVO | As restricións da Xunta pola COVID, concello a concello
O PP pide agora ao PSdeG para negociar unha censura en Ourense contra Jácome que o seu voceiro non só non sexa o candidato senón que tamén dimita como concelleiro. Os populares reclamaban que Rafael Rodríguez Villarino non fose quen encabezase a moción contra o actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, pero tras anunciar este luns o socialista que está disposto a non ser o candidato para facilitar a operación, agora os populares queren que tamén deixe de ser concelleiro.
Feijóo considera que o Goberno de España non recorrería no Constitucional a reforma sanitaria promovida polo PP en Galicia "se estivese redactada en catalán". Afirmouno esta mañá nunha entrevista en Onda Cero. Segundo o previsto, tras o recurso gobernamental, o TC suspendeu cautelarmente os preceptos recorridos, como os relativos á vacinación. Na imaxe, Feijóo onte co delegado do Goberno de España, José Miñones.
Os equipos ingleses abandonan a Superliga e botan abaixo a iniciativa liderada por Florentino Pérez. Té con Gotas analiza nun novo podcast a retirada do fútbol británico que racha coas ambicións do presidente do Real Madrid.
A Pobra do Caramiñal, O Grove, Cualedro e Carballeda de Valdeorras manteranse a partir do venres no nivel máximo de restricións, segundo vén de acordar o Comité Clínico que asesora á Xunta na loita contra a Covid. Marín, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Padrenda, Cortegada, O Barco, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira, e Cambre situaranse no nivel alto. Mentres, Trabada, Barreiros, Lobios, Cartelle, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Vigo, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes de García Rodríguez, e Ortigueira estarán no nivel medio. O resto de Galicia quedará no nivel baixo de restricións.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás (PSdeG), anuncia que o vindeiro maio deixará o cargo tras exercelo durante máis de dúas décadas."Chegou o momento de deixar a alcaldía, pero continuarei traballando polo ben do meu concello e de Galicia desde outras responsabilidades", sinala nun comunicado. O nome da persoa que o substituirá "decidirase na asamblea local socialista nas próximas datas", agrega. Todo apunta a que ocupará o escano no Senado que ata agora ocupa Antonio Vázquez.
O DOG fai oficial a oferta de emprego público (OPE) para 2021 da Xunta, cun total de 1.491 prazas, das que un milleiro son de acceso libre.
A Audiencia ratifica a prisión provisional do presidente do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra, a súa muller e a súa filla, investigados por branqueo de capitais, falsidade documental e administración desleal. O tribunal entende que poderían “influír nas testemuñas que aínda non declararon”.
A xornalista Marta Veiga Izaguirre é a gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada ‘Cantigas para despois dunha pandemia’, publicada na Revista Luzes en xuño de 2020. O xurado, no que participou o director de Praza.gal, David Lombao, salientou que "a reportaxe ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do conxuntural”. Hai uns días foi entrevistada polo Colexio de Xornalistas