A xornalista Marta Veiga Izaguirre é a gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada ‘Cantigas para despois dunha pandemia’, publicada na Revista Luzes en xuño de 2020. O xurado, no que participou o director de Praza.gal, David Lombao, salientou que "a reportaxe ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do conxuntural”. Hai uns días foi entrevistada polo Colexio de Xornalistas
Fálase
O Concello de Ribadeo diríxese ao Instituto Geográfico Nacional, á Consellería de Cultura, á Real Academia Galega e á Subdelegación do Goberno en Lugo en defensa da denominación de "Ría de Ribadeo", fronte á reclamación do Principado de Asturias de que o Estado oficialice o nome de "Ría do Eo". "Non é ría do Verdugo senón ría de Vigo, non é ría do Landro senón ría de Viveiro", lembra o alcalde Fernando Suárez, que subliña que "todas as rías en Galicia, en Asturias e no Cantábrico levan o nome da poboación histórica máis importante".
O persoal de EXTEL denuncia que os novos propietarios da compañía (Abai Group) obrigan as traballadoras a "devolver" horas das súas vacacións establecidas legalmente. Máis de 600 teleoperadoras traballan na sede da empresa na Coruña. As súas mobilizacións nos últimos anos obrigaron a compañía a derrogar os 'despedimentos por enfermar' ou a mellorar as condicións salariais do persoal.
Adega denuncia que se atopa en fase de exposición pública para a súa avaliación ambiental a ampliación da granxa de visón americano situada no Monte Xalo, en Carral. A entidade ecoloxista cualifica de "enorme temeridade" que a Xunta tramite este proxecto "en plena pandemia" e alerta de que mesmo podería ser ilegal. Nos últimos meses rexistráronse dous gromos de Covid-19 neste tipo de granxas en Galicia, na Baña e en Santiago
A ourensá Raquel Carrera, de 19 anos, foi seleccionada no 15º posto no draft da WNBA polos Atlanta Dream, o que lle dá grandes opcións de xogar na liga de baloncesto máis importante do planeta. É a posición máis destacada acadada nunca por unha xogadora do Estado español. Xogadora de Valencia Basket, foi decisiva para que o equipo obtivese a pasada semana o título da Eurocopa. Pola contra, a compostelá Blanca Millán (xogadora dos Black Bears de Maine), que tamén aspiraba a ser elixida no draft despois das boas tempadas realizadas na liga universitaria estadounidense, non foi seleccionada.
A Xunta incorpora Cualedro ao nivel máximo de restricións pola COVID-19, no que seguirán A Pobra do Caramiñal, O Grove e Carballeda de Valdeorras. Sanidade informa de cambios no nivel de medidas de algo máis dunha decena de municipios a partir do luns, día 16. Dende esa xornada, 9 municipios estarán en nivel alto (Cortegada, O Barco, Padrenda, Rubiá, Lobeira, Barreiros, Boimorto, Boiro e Cambre), algo máis dunha vintena en nivel medio (O Irixo, A Pobra do Brollón, Meira, Trabada, Ribeira, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira, Cambados, Catoira, Cangas, Marín, Meis, Gondomar, Vilanova, Vilaboa, Soutomaior, Sanxenxo, Ribadumia, Meaño, As neves, A Illa e Vilagarcía). Os restantes, quedan no nivel baixo, ao que descende Monterrei.
O Tribunal Supremo ratifica a condena a Sito Miñanco por branquear cartos da droga con negocios inmobiliarios, pero redúcea de 4 anos a 3 anos e 9 meses por dilacións indebidas na causa. O Supremo tamén confirma as condenas á ex-muller de José Ramón Prado Bugallo, a unha das súas fillas e a un empresario. Absolve á cuñada do narco por considerar que os feitos polos que a condenaran non son concluíntes.
Feijóo considera "sorprendente" que "se lle chame fascistas" a membros de Vox e, preguntado polas mobilizacións ante un mitin deste partido en Madrid, afirma que "fascistas son os que tiran pedras". "Un señor que interrompe un acto político e mesmo quere agredir soltando pedras contra un político que está defendendo as súas ideas é o que máis se parece ao fascismo", sostivo o presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello, antes de concluír que "o fascismo non ten cobertura legal" en España e que "hai xente que fala do que pasou hai 40 anos" e "non ten nin idea" porque "nin sequera existía".
Vítimas de Angrois demandan ao Ministerio de Transportes ante un xulgado do contencioso de Madrid para que cumpra coa normativa europea de investigación de accidentes. A plataforma solicitouno formalmente na vía administrativa para, tras recibir unha resposta negativa por parte do ministerio, abrir agora unha nova vía xudicial paralela á penal que segue en marcha en Santiago. O pasado xoves a Audiencia da Coruña fixo público o seu aval para que sexa xulgado un cargo de Adif ao mesmo nivel que o maquinista, que fora o único ao que apuntou no seu momento a investigación oficial do ministerio.
A Xunta adía o toque de recollida pola COVID ás 23h en toda Galicia dende o venres, día 16. Os bares terán que seguir pechando ás 21h, pero os restaurantes poderán facelo ás 23h se cumpren determinadas condicións, como o rexistro de clientes e medición de CO2, que se publicarán no DOG. Nas residencias de persoas anciás, as visitas xa non terán que limitarse á listaxe de persoas de referencia, pero con cita previa e individualmente, e amplíanse a 3 días á semana as posibles saídas de residentes.