O alcalde de Oroso, Manuel Mirás (PSdeG), anuncia que o vindeiro maio deixará o cargo tras exercelo durante máis de dúas décadas."Chegou o momento de deixar a alcaldía, pero continuarei traballando polo ben do meu concello e de Galicia desde outras responsabilidades", sinala nun comunicado. O nome da persoa que o substituirá "decidirase na asamblea local socialista nas próximas datas", agrega. Todo apunta a que ocupará o escano no Senado que ata agora ocupa Antonio Vázquez.
Fálase
O DOG fai oficial a oferta de emprego público (OPE) para 2021 da Xunta, cun total de 1.491 prazas, das que un milleiro son de acceso libre.
A Audiencia ratifica a prisión provisional do presidente do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra, a súa muller e a súa filla, investigados por branqueo de capitais, falsidade documental e administración desleal. O tribunal entende que poderían “influír nas testemuñas que aínda non declararon”.
A xornalista Marta Veiga Izaguirre é a gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada ‘Cantigas para despois dunha pandemia’, publicada na Revista Luzes en xuño de 2020. O xurado, no que participou o director de Praza.gal, David Lombao, salientou que "a reportaxe ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do conxuntural”. Hai uns días foi entrevistada polo Colexio de Xornalistas
O Concello de Ribadeo diríxese ao Instituto Geográfico Nacional, á Consellería de Cultura, á Real Academia Galega e á Subdelegación do Goberno en Lugo en defensa da denominación de "Ría de Ribadeo", fronte á reclamación do Principado de Asturias de que o Estado oficialice o nome de "Ría do Eo". "Non é ría do Verdugo senón ría de Vigo, non é ría do Landro senón ría de Viveiro", lembra o alcalde Fernando Suárez, que subliña que "todas as rías en Galicia, en Asturias e no Cantábrico levan o nome da poboación histórica máis importante".
O persoal de EXTEL denuncia que os novos propietarios da compañía (Abai Group) obrigan as traballadoras a "devolver" horas das súas vacacións establecidas legalmente. Máis de 600 teleoperadoras traballan na sede da empresa na Coruña. As súas mobilizacións nos últimos anos obrigaron a compañía a derrogar os 'despedimentos por enfermar' ou a mellorar as condicións salariais do persoal.
Adega denuncia que se atopa en fase de exposición pública para a súa avaliación ambiental a ampliación da granxa de visón americano situada no Monte Xalo, en Carral. A entidade ecoloxista cualifica de "enorme temeridade" que a Xunta tramite este proxecto "en plena pandemia" e alerta de que mesmo podería ser ilegal. Nos últimos meses rexistráronse dous gromos de Covid-19 neste tipo de granxas en Galicia, na Baña e en Santiago
A ourensá Raquel Carrera, de 19 anos, foi seleccionada no 15º posto no draft da WNBA polos Atlanta Dream, o que lle dá grandes opcións de xogar na liga de baloncesto máis importante do planeta. É a posición máis destacada acadada nunca por unha xogadora do Estado español. Xogadora de Valencia Basket, foi decisiva para que o equipo obtivese a pasada semana o título da Eurocopa. Pola contra, a compostelá Blanca Millán (xogadora dos Black Bears de Maine), que tamén aspiraba a ser elixida no draft despois das boas tempadas realizadas na liga universitaria estadounidense, non foi seleccionada.
A Xunta incorpora Cualedro ao nivel máximo de restricións pola COVID-19, no que seguirán A Pobra do Caramiñal, O Grove e Carballeda de Valdeorras. Sanidade informa de cambios no nivel de medidas de algo máis dunha decena de municipios a partir do luns, día 16. Dende esa xornada, 9 municipios estarán en nivel alto (Cortegada, O Barco, Padrenda, Rubiá, Lobeira, Barreiros, Boimorto, Boiro e Cambre), algo máis dunha vintena en nivel medio (O Irixo, A Pobra do Brollón, Meira, Trabada, Ribeira, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira, Cambados, Catoira, Cangas, Marín, Meis, Gondomar, Vilanova, Vilaboa, Soutomaior, Sanxenxo, Ribadumia, Meaño, As neves, A Illa e Vilagarcía). Os restantes, quedan no nivel baixo, ao que descende Monterrei.
O Tribunal Supremo ratifica a condena a Sito Miñanco por branquear cartos da droga con negocios inmobiliarios, pero redúcea de 4 anos a 3 anos e 9 meses por dilacións indebidas na causa. O Supremo tamén confirma as condenas á ex-muller de José Ramón Prado Bugallo, a unha das súas fillas e a un empresario. Absolve á cuñada do narco por considerar que os feitos polos que a condenaran non son concluíntes.