Chévere vén de iniciar un proxecto para recoller a memoria do barrio compostelán de Vite a través de ficcións sonoras teatralizadas que se poderán escoitar mediante o móbil mentres se pasea pola zona. Dramawalker Vite, realizado en coprodución co Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego, faise coa colaboración da veciñanza e o tecido asociativo dun barrio que medrou a partir dos anos 60 do pasado século ao abeiro do desarrollismo franquista, que nos 80 sufriu o impacto da drogadicción "e que inventou aquel berro de autodeterminación que marcaba a diferenza na cidade a comezos dos noventa: Vite Nazón!".