Magín Blanco e un grupo de alumnos e alumnas do CEIP Sabarís de Baiona gravan a canción “Ponte...Nas Ondas!", que celebra o 25 aniversario desta iniciativa cultural e pedagóxica que tece redes entre centros de ensino galegos e portugueses a través da radio e de accións de defensa do patrimonio inmaterial
Fálase
Persoal da TVG mobilizado na plataforma Defende a Galega critica que a canle pública afirme no Telexornal que a nova lei educativa, aprobada onte definitivamente no Senado, "suprime" a educación especial ou as repeticións de curso malia non corresponderse coa realidade. O colectivo lamenta tamén o xeito en que a Galega aborda a situación dos idiomas oficiais na nova norma, dando a entender que o castelán tamén é "suprimido".
A actriz Beatriz Serén protagoniza o vídeo producido polo Concello de Lugo no que representantes de diversos ámbitos, institucións e entidades sociais, culturais e deportivas da cidade animan a cidadanía, especialmente á mocidade, a seguiren as medidas de seguridade para evitar contaxios da COVID-19 no Nadal do 2020. A montaxe conta coa colaboración do director Andrés Goteira.
Galicia contará con máis de 18.000 doses da vacina de Pfizer e BioNTech contra a COVID-19 para comezar a campaña de inmunización, confirma o Sergas. Segundo o previsto, a primeira poboación destinataria da vacina serán residentes en centros para maiores. Concretamente, Sanidade comezará a vacinar con 500 doses para unha residencia de Santiago o domingo, 27 de decembro, primeiro día contemplado para a vacinación en toda a UE. O groso da primeira partida chegará o luns. As doses están a ser distribuídas por toda a UE.
O Senado aproba definitivamente a nova lei de educación (LOMLOE) cunha ampla maioría, que rexeitou todas as emendas presentadas pola oposición, encabezada por PP, VOX e Ciudadanos.
A Fundación Rosalía de Castro advirte de que unha empresa "está a utilizar" o seu nome sen permiso para "vender un libro de elevado custo" a concellos e "algúns particulares". A entidade subliña que "non ten nada que ver coa comercialización deste produto", estuda accións legais polo que considera unha "estratexia comercial fraudulenta" e pide contactar con ela a quen poida ter coñecemento dos feitos.
Xa están publicadas no Diario Oficial de Galicia as mudanzas no mapa de restricións da Xunta pola COVID-19, as recomendacións para o Nadal e mais a actualización dos territorios afectados pola obriga de inscrición no rexistro de viaxe ao chegar a Galicia. As novas disposicións foron publicadas nunha edición extraordinaria do DOG que pode consultarse aquí.
A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas no ano 2021 a Xela Arias. A RAG destaca á poeta sarriá como "unha voz singular da xeración que anovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma", subliñando ademais "o seu labor pioneiro na tradución ao galego de clásicos universais e como editora". Xela Arias convértese na quinta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas nos 58 anos desta celebración, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007) e María Victoria Moreno (2018).
A Xunta limita a seis comunidades autónomas a obriga de rexistro de viaxeiros que cheguen a Galicia como medida de control do coronavirus. A modificación será publicada este mesmo martes nun DOG extraordinario e pasa a atinxir a Castilla-La Mancha, Balears, Catalunya, Comunitat Valenciana, Extremadura e Madrid. No eido internacional, Portugal segue sendo un dos Estados con obriga de rexistro. Na imaxe, un control de desprazamentos na contorna da Ponte dos Santos, en Ribadeo, nunha imaxe de arquivo.
O Consello de Ministros aproba a suspensión dos desafiuzamentos e dos cortes de subministros de luz, auga e gas para persoas consideradas consumidoras vulnerables (beneficiarias do bono social e demais supostos legais) ata a fin do vixente estado de alarma polo coronavirus, que se prolonga ata o 9 de maio. Na imaxe, a sesión do Consello deste martes, á que non acudiu Pedro Sánchez por mor da corentena que debe seguir tras o seu contacto co presidente de Francia, Emmanuel Macron, que deu positivo por COVID-19. (Foto: José María Cuadrado / Goberno de España)