Abanca elixe a canadense Cooke como comprador de Nueva Pescanova. A empresa norteamericana farase co 80% de Nueva Pescanova, que "manterá a súa marca e sede en Vigo", segundo anuncia a entidade bancaria, que manterá o 20% da súa participación na compañía. Cooke presentou unha oferta superior á de Red Chambers e a galega Iberconsa. Foto: CC-BY-SA HombreDHojalata.
Fálase
Varios feridos e detidos tras unha carga policial nunha protesta de bateeiros polo conflito da mexilla en Santiago. Os dous detidos saíron de comisaría case oito horas despois. Imaxe: CRTVG.
O BNG organizará unha conferencia sobre seguridade ferroviaria en Bruxelas en xullo polo décimo aniversario do accidente de Angrois. A eurodeputada Ana Miranda lembra que España aínda ten pendentes de cumprir diversas cuestións relacionadas coa seguridade derivadas do sinistro. Na imaxe, unha pasada visita a Bruxelas do BNG con vítimas do accidente.
Francisco Conde queda á fronte da Xunta durante a viaxe de Alfonso Rueda a Panamá, Venezuela e México que comeza este mércores. O DOG publica o decreto polo que o vicepresidente primeiro queda encargado do despacho dos asuntos da Presidencia durante a ausencia do seu titular. Este xoves Conde presidirá a reunión do Consello da Xunta.
Adif remata a redacción e expón ao público o proxecto que conectará a liña de alta velocidade Galicia-Madrid coa que vai cara a Valladolid e Irún.
O Sergas sinala que a folga convocada polo sindicato médico CESM tivo un 14,2% de "seguimento global" durante a mañá e redúceo ao 5,38% na Atención Primaria. Por áreas, Sanidade indica que o seguimento foi maior en Vigo (23,71%), seguida de Lugo (15,31%), Santiago (13,91%), Ferrol (12,90%), Ourense (12,86%), A Coruña (11,38) e Pontevedra (6,99). Sempre segundo a Xunta, a folga "motivou a suspensión de 164 cirurxías", o 26% da "actividade media diaria", 3.764 consultas (19% da media) e 398 probas diagnósticas (2,8% do habitual). Na imaxe [©CESM], concentración de persoal médico ante o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, esta mañá.
O histórico sindicalista Suso Díaz pechará a lista de Podemos e Esquerda Unida nas municipais da Coruña, que encabeza o antigo edil da Marea Atlántica José Manuel Sande, que destaca o seu "compromiso inquebrantable coa democracia" e agradece o "paso adiante" de quen tamén é pai de Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo.. A candidatura, coa denominación Por Coruña, agrupa a Podemos e EU e mais a Alianza Verde. Na imaxe, Díaz e Sande.
O Tribunal Supremo ratifica a sentenza da Audiencia Nacional pola corrupción da Gürtel nos contratos da visita do Papa Bieito XVI a València, con condenas de ata 15 anos para líderes da trama como Pablo Crespo, antigo secretario de organización do PP de Galicia -na imaxe, comparecendo no Congreso en 2018-.
28A | O ex-alcalde Xulio Ferreiro pechará a lista da Marea Atlántica nas eleccións municipais da Coruña, que encabeza Xan Xove. "Se eu fun alcalde, foi grazas a persoas como Xan, xente de confianza, humilde, xenerosa e intelixente que se comprometeron cun modelo de cidade e traballaron moi duro para facelo real", di Ferreiro, actual decano da facultade de Dereito da UDC, quen coida que o seu sucesor á fronte da lista da formación é "un excelente candidato".
Rueda inclúe na súa axenda oficial un almorzo informativo con Ayuso e Feijóo en Madrid e di que a madrileña “demostrará o seu liderado” nas eleccións de maio. O presidente da Xunta asiste como tal a un acto no Hotel Mandarín Oriental Ritz presentado por Feijóo e coa presidenta madrileña como protagonista.