A Casa Real informa de que o Rei emérito está en Emiratos Árabes desde o 3 de agosto, cando saíu de Vigo nun avión privado “para facilitar” o reinado do seu fillo.
Fálase
As praias nas que as administracións piden non fumar soben este ano un 15% en Galicia, ata 162 en 66 concellos, segundo informa a Xunta. Tanto nelas como no resto de areais a recomendación é complementada este ano polas restricións e excepcións ao consumo de tabaco establecidas a pasada semana polo coronavirus.
As fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta :)
A Deputación de Lugo retira dos seus corredores os retratos dos seus presidentes durante a ditadura. “As institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás persoas que o representaron”, di a vicepresidencia da institución, que argumenta que “non se trata de esquecer a historia, nin de axustar contas individual ou colectivamente, se non de visibilizar que unha sociedade democrática non pode dar o mesmo tratamento a representantes políticos dun réxime fascista que a representantes políticos elixidos democraticamente”.
Un xulgado da Coruña avala a prórroga das restricións ditadas pola Xunta para a comarca porque os informes sanitarios sinalan “un empeoramento da situación”. Un día despois de que o Tribunal Superior rexeitase a suspensión cautelarísima dalgunhas das medidas ditadas por Sanidade como reclamaba a hostalería, agora o Contencioso-Administrativo número 4 valida a súa prolongación porque segundo os informes sanitarios “existe transmisión comunitaria, de intensidade ata o momento descoñecida”.
Ministerio de Sanidade e comunidades autónomas pactan pechar pubs e discotecas en todo o Estado polo incremento de contaxios do coronavirus. A decisión é "unánime", resalta o ministro de Sanidade, Salvador Illa, que tamén avanza a extensión da regulamentación, xa vixente en Galicia, de só poder quitar a máscara para fumar se hai distancia de seguridade. Ampliamos a información neste espazo de Praza.gal
O Concello de Sada limita o feirón do 15 de agosto e só permitirá a venda de "produtos agrícolas e gandeiros, do sector de alimentación e perecedoiros" por mor "do aumento de casos de COVID-19 na comarca da Coruña". "Esta medida reduce os postos a menos dun 25% e ten como obxectivo evitar posibles aglomeracións", subliña o goberno local. (Imaxe: Concello de Sada)
A Fiscalía arquiva a denuncia dun colectivo monárquico contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, polas súas críticas á Monarquía. Segundo adianta El Confidencial, o Ministerio Público enmarca as súas palabras, así como as dos tamén denunciados Pere Aragonés (ERC) e Teresa Rodríguez (Adelante Andalucía) na liberdade de expresión e non observa delito ningún. A asociación denunciante fundouse o mes pasado e ten como voceiro a Alfredo Urdaci, xefe de informativos de TVE na etapa de Aznar.
Pecha o centro de día das Neves tras confirmarse un positivo por coronavirus dunha usuaria. O Concello da vila confirma que as restantes 8 usuarias as 14 traballadoras do centro permanecen illadas na casa á espera das probas PCR ás que se someterán mañá, venres. O centro estará pechado "por un período inicial de 15 días", en aplicación dos protocolos sanitarios. (Na imaxe, de arquivo, o centro de saúde da vila)
O Concello de Porto do Son pide á Xunta que restrinxa o horario de pubs e discotecas no seu municipio ata a unha e media da madrugada para paliar o risco de contaxio do coronavirus. "As aglomeracións de xente en torno ao exterior dalgún local, o consumo de bebidas alcohólicas na rúa e a falta absoluta de seguimento das medidas de prevención xeran un risco importante". O goberno local, que se dirixiu por carta á Vicepresidencia do Goberno galego, confirma que ten en marcha os "oportunos expedientes sancionadores" contra algúns destes locais.