As fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta :)
Fálase
A Deputación de Lugo retira dos seus corredores os retratos dos seus presidentes durante a ditadura. “As institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás persoas que o representaron”, di a vicepresidencia da institución, que argumenta que “non se trata de esquecer a historia, nin de axustar contas individual ou colectivamente, se non de visibilizar que unha sociedade democrática non pode dar o mesmo tratamento a representantes políticos dun réxime fascista que a representantes políticos elixidos democraticamente”.
Un xulgado da Coruña avala a prórroga das restricións ditadas pola Xunta para a comarca porque os informes sanitarios sinalan “un empeoramento da situación”. Un día despois de que o Tribunal Superior rexeitase a suspensión cautelarísima dalgunhas das medidas ditadas por Sanidade como reclamaba a hostalería, agora o Contencioso-Administrativo número 4 valida a súa prolongación porque segundo os informes sanitarios “existe transmisión comunitaria, de intensidade ata o momento descoñecida”.
Ministerio de Sanidade e comunidades autónomas pactan pechar pubs e discotecas en todo o Estado polo incremento de contaxios do coronavirus. A decisión é "unánime", resalta o ministro de Sanidade, Salvador Illa, que tamén avanza a extensión da regulamentación, xa vixente en Galicia, de só poder quitar a máscara para fumar se hai distancia de seguridade. Ampliamos a información neste espazo de Praza.gal
O Concello de Sada limita o feirón do 15 de agosto e só permitirá a venda de "produtos agrícolas e gandeiros, do sector de alimentación e perecedoiros" por mor "do aumento de casos de COVID-19 na comarca da Coruña". "Esta medida reduce os postos a menos dun 25% e ten como obxectivo evitar posibles aglomeracións", subliña o goberno local. (Imaxe: Concello de Sada)
A Fiscalía arquiva a denuncia dun colectivo monárquico contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, polas súas críticas á Monarquía. Segundo adianta El Confidencial, o Ministerio Público enmarca as súas palabras, así como as dos tamén denunciados Pere Aragonés (ERC) e Teresa Rodríguez (Adelante Andalucía) na liberdade de expresión e non observa delito ningún. A asociación denunciante fundouse o mes pasado e ten como voceiro a Alfredo Urdaci, xefe de informativos de TVE na etapa de Aznar.
Pecha o centro de día das Neves tras confirmarse un positivo por coronavirus dunha usuaria. O Concello da vila confirma que as restantes 8 usuarias as 14 traballadoras do centro permanecen illadas na casa á espera das probas PCR ás que se someterán mañá, venres. O centro estará pechado "por un período inicial de 15 días", en aplicación dos protocolos sanitarios. (Na imaxe, de arquivo, o centro de saúde da vila)
O Concello de Porto do Son pide á Xunta que restrinxa o horario de pubs e discotecas no seu municipio ata a unha e media da madrugada para paliar o risco de contaxio do coronavirus. "As aglomeracións de xente en torno ao exterior dalgún local, o consumo de bebidas alcohólicas na rúa e a falta absoluta de seguimento das medidas de prevención xeran un risco importante". O goberno local, que se dirixiu por carta á Vicepresidencia do Goberno galego, confirma que ten en marcha os "oportunos expedientes sancionadores" contra algúns destes locais.
Un DOG extraordinario publicado na noite deste mércores fai oficiais só dúas horas antes da súa entrada en vigor novas restricións polo coronavirus, algunhas delas anunciadas este mediodía por Feijóo.
O Concello de Viveiro cancela o Resurrection Fest XS ao retirar o permiso de uso dos seus espazos un día despois de que organización e Xunta presentasen o programa. A organización di non compartir “en absoluto” a decisión pero acátaa e reafirma o seu compromiso coa vila.