Morre Lord, unha aguia real de 46 anos que era emblema do zoo municipal de Vigo. O Concello lembra que chegou en 1974 como irrecuperable para a vida silvestre tras a espoliación dun niño na Ribeira Sacra e máis que duplicou a esperanza de vida de entre 15 e 20 anos que ten a especie, tempo durante o que axudou á sensibilización ambiental da rapazada que visita o zoo e mesmo á seguridade aérea de Peinador.
Fálase
Galicia finalizou 2020 cuns 15.100 empregos menos que no remate de 2019 e o total queda en 1,08 millóns. É un dos principais resultados da Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre, que vén de facerse pública. Reflicte 142.600 persoas en situación de desemprego en Galicia, 3.200 menos que un ano antes.
O Parlamento galego aproba por unanimidade unha declaración institucional en memoria das vítimas do Holocausto, coincidindo co aniversario da liberación do campo de exterminio de Auschwitz por parte das tropas soviéticas. A declaración aprobada por PP, BNG e PSdeG lembra a colaboración "do ditador Francisco Franco co nazismo alemán", que provocou o envío aos campos de concentración nazis de 10.000 republicanos españois, 200 deles galegos
A Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, que reúne máis dun cento de entidades sociais e ecoloxistas, presenta o vídeo da campaña Aquí Non coa que se reclama a exclusión das áreas de alto valor ambiental da implantación de novos complexos de aeroxeradores. No vídeo participa un gran número de galegos e galegas do ámbito universitario, literario ou musical, como Olga Novo, Manuel Rivas, Uxía, Xurxo Souto ou Xavier Simón.
O arcebispo de Santiago emitiu este mércores un decreto para “a suspensión de todas as procesións e actos confrades” da Semana Santa na vía pública e mantén as celebracións litúrxicas “tendo en conta en cada momento as disposicións das autoridades sanitarias”. [Imaxe: Arcebispado de Santiago]
A CIG formalizou este mércores a convocatoria dunha folga de mulleres o vindeiro 8 de marzo. Será, ao igual que en anos anteriores, un paro de 24 horas en todos os sectores que busca “rachar coa hipocrisía e a banalización na que se estaba a converter a celebración de datas senlleiras vinculadas cos dereito das mulleres, recuperando o carácter reivindicativo e de clase que ten o 8 de marzo”, sinala o sindicato.
Véñen de publicarse no Diario Oficial de Galicia as novas restricións contra a COVID, que entran en vigor esta medianoite e que terán unha duración de cando menos tres semanas. As medidas, que afectan a toda Galicia, supoñen o peche perimetral individual de cada concello, a clausura total da hostalaría, o peche do comercio “non esencial” ás 18 horas e a prohibición de xuntanzas de persoas non conviventes.
Carolina Darias será a nova ministra de Sanidade en substitución de Salvador Illa, que dimite para concorrer como candidato do PSC ás eleccións catalás. Será remudada á fronte do Ministerio de Política Territorial por Miquel Iceta. Así o vén de anunciar o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, na que supón a primeira mudanza na composición do Executivo de coalición do PSOE e Unidas Podemos dende a súa formación, en xaneiro de 2020.
O Burela Pescados Rubén, elixido mellor club feminino do mundo, ao superar o Benfica na votación dos Annual Futsal Awards. A galega Vane Sotelo ocupa o cuarto lugar no rnking de mellores xogadoras´.
O Parlamento aproba os Orzamentos da Xunta para 2021, máis de 11.500 millóns acadados grazas á suba de fondos estatais, da UE e débeda. Esta tarde apróbase tamén a lei de acompañamento coa que se modifican outras 26 normas de todo tipo. Aquí podes consultar todo o que fomos analizando das dúas normas. [Imaxe: Parlamento de Galicia]