O pontés Miguel Alvariño proclámase campión de Europa de tiro con arco despois de gañar o campionato celebrado en Munich (Alemaña). [Imaxe: Real Federación Española de Tiro con Arco]
Fálase
Non puido ser. O Dépor mantense na segunda b da liga de fútbol estatal ao non lograr o ascenso. 1 - 2 no marcador para o Albacete Balompié, que xa é de segunda. Nun partido de moita expectación, con 27.215 persoas en Riazor e milleiros en Cuatro Caminos, o gol do Albacete Balompié no minuto 82 igualou o marcador despois do primeiro gol marcado polo xogador do Deportivo Mario Soriano no minuto 26. Houbo prórroga e foi aí cando o equipo albaceteño logrou o gol da vitoria. Imaxe: @RCDeportivo
Ana Pontón reclama devolver ao galego a condición de lingua vehicular no ensino. Desde a xornada sobre a situación do galego, Medre a lingua, organizada este sábado polo BNG na Coruña, Pontón denunciou que o PP "estalle roubando ás novas xeracións a liberdade de poder falar en galego practicando unha política que non garante a aprendizaxe do idioma propio".
A portavoz nacional do BNG criticou que "a escola está convertida nun axente desgaleguizador" e salientou que a perda de falantes "empeza xa na etapa infantil", ao que se suma "o feito de que un 24% dos nenos e nenas menores de 14 anos non saben falar galego e un 30% non é capaz de escribilo".
A organización do festival O Son do Camiño traslada que catro das persoas feridas polo derrumbe do escenario principal durante a a montaxe recibiron a alta hospitalaria. Así, sinalan que os dous traballadores que continúan no hospital de Santiago polo sinistro que tivo lugar na mañá do venres “evolucionan favorablemente”. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, manifestou que un deles está na UCI, cun prognóstico “favorable”. "O Son do Camiño segue adiante e celebrarase nas datas previstas", engade a organización.
A construción da autovía A-54 Santiago-Lugo saca á luz en Arzúa unha aldea galaicorromana. A escavación, levada a cabo por Axa Arqueoloxía, desvelou a existencia dunha zona de hábitat doméstico con catro estancias. Imaxe: AXA Arqueoloxía
Derrúbase un escenario do Son do Camiño durante a montaxe e seis traballadores resultan feridos, dous deles graves. Os servizos de urxencia traballan no lugar e aínda se descoñecen as causas que provocaron o suceso, ocorrido pouco antes das 13 horas. Varias ambulancias e un helicóptero do 061 desprazáronse ao lugar, xunto con coches de bombeiros. Imaxe: © CRTVG.
O Congreso aproba a reforma que porá fin ao voto rogado, á que só lle resta o trámite no Senado para poder aplicarse. De momento, segue vixente para as eleccións en Andalucía.
Alxeria conxela todas as relacións comerciais con España tras romper o tratado de amizade pola mudanza da posición do Goberno español sobre o Sáhara Occidental para asumir a posición de Marrocos. Na imaxe, Pedro Sánchez durante unha visita oficial a Alxeria en 2020 [© Fernando Calvo / Pool Moncloa]
Bruxelas aproba a excepción ibérica para rebaixar a factura eléctrica en España e Portugal. A Comisión Europea vén de aprobar o mecanismo para limitar o prezo do gas.
A representación do persoal da CRTVG denuncia a emisión dunha reportaxe de "contido machista" que "cousifica e sexualiza" a muller e denuncia que a dirección négase a retirar o chío no que se aborda "como conseguir uns glúteos perfectos". As representantes de CUT, USO, CIG, CCOO e UGT na comisión negociadora do Plan de Igualdade denuncian "a reiteración deste tipo de contidos" nos medios públicos.