DÍA 5 | Caballero rodéase de ministras, Feijóo recorre a Rajoy

Mariano Rajoy, este martes durante un paseo electoral por Pontevedra Dominio Público @MariaRamallov

En ausencia de Sánchez e a menos dun ano das autonómicas, o PSdeG intentan transmitir unha imaxe institucional, ao tempo que os populares galegos centran a súa campaña en Feijóo

Se Pedro Sánchez logra repetir como presidente do Goberno, Nadia Calviño, nacida na Coruña, a “ministra galega”, como a presenta o PSOE malia pasar a maioría da súa vida entre Madrid e Bruxelas, será vicepresidenta económica. De momento, ela foi a ministra elixida para acompañar ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, no primeiro día desta campaña, o pasado venres. Tras ela, non houbo un día en que unha ministra ou un ministro non visitase Galicia intentando darlle perfil institucional á campaña dos socialistas. Pola contra, a estratexia do PPdeG está a pasar por distanciar a Feijóo dos actuais cargos estatais do seu partido -máis alá do mitin central de Pablo Casado do sábado en Lalín-, ata o punto de que o elemento central da súa campaña deste martes foi un paseo por Pontevedra con Mariano Rajoy.

Esta campaña das xerais non só está a ser pensada en Galicia en clave estatal senón tamén tendo en conta que en menos dun ano haberá eleccións autonómicas. Con esa cita pendente, e tras lograr o PSOE adiantar por primeira vez ao PP nas xerais de abril, o PSdeG está interesado tanto en ratificar que aqueles resultados non foron unha casualidade como en presentar ao seu líder, Gonzalo Caballero, como alternativa real de goberno. Así que en ausencia de Pedro Sánchez, que pasou por Galicia con mitins en días previos pero non prevé facelo en campaña, os socialistas están a vivir un desembarco constante de ministros.

Caballero, en varios actos de campaña con ministras e co ex-ministro Gabilondo CC-BY-SA Praza Pública

Tras Calviño o venres, o sábado quen pasou por Galicia foi o ex-ministro de Educación e Cultura e actual portavoz socialista na Asemblea de Madrid, Ángel Gabilondo; o domingo, a ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, secundada desde o partido pola visita simultánea da vicesecretaria Adriana Lastra; o luns, a titular de Defensa, Margarita Robles; e este martes, o de Asuntos Exteriores, Josep Borrell. Con eles ao lado, as mensaxes de Caballero non se sabe se van máis dirixidas a apoiar a Sánchez ou a intentar socavar a Feijóo. Unha e outra cousa non son incompatibles, parecen pensar no PSOE e no PSdeG, xa que unha nova vitoria nunha terra tradicionalmente popular como Galicia contribuiría a achegar os obxectivos tanto de Caballero como de Sánchez. 

No PP como en campañas anteriores, Feijóo intenta distanciar a súa propia figura do resto do partido, pero evitando que ninguén lle poida reprochar non dalo todo

No PP, mentres, como en campañas anteriores, Feijóo intenta distanciar a súa propia figura do resto do partido, pero evitando que ninguén lle poida reprochar non dalo todo. Con tres ou catro actos de partido ao día, o presidente intenta confrontar directamente o seu discurso de suposta estabilidade e boa xestión con Sánchez, sen precisar de apoio por parte dos cargos estatais do seu partido. Reconciliado co novo discurso menos estridente de Casado, como evidenciaron os dous o sábado no mitin de Lalín, a figura do presidente da Xunta non precisa de ninguén que o axude para ter presenza en campaña e saír nos medios de comunicación.

Rajoy e Feijóo, no paseo electoral en Pontevedra antes do mitin en Vigo © PPdeG

Rajoy considera a Casado gañador do debate e di que estivo "magnífico"

Porén, este martes Feijóo si cedeu parte do seu protagonismo. Pero non o fixo para cederllo á actual dirección dos populares a nivel estatal senón para volver ao pasado, acompañando a Rajoy nun paseo pola súa cidade, Pontevedra, e nun mitin en Vigo. Dúas localizacións nas que o PP, e a Xunta con el, están a poñer o foco xa  que constitúen os principais puntos débiles dos populares galegos tanto nesta campaña das xerais como de cara ás autonómicas do próximo ano.

En Pontevedra, Rajoy asegurou que Casado foi o gañador do debate e que estivo "magnífico". Preguntáronlle pola súa opinión sobre o papel do líder de Vox, Santiago Abascal, e o ex-presidente, recorrendo á súa tradicional oratoria, insistiu en que "Casado estivo magnífico".

Ana Pontón e candidatos do BNG nun mitin este martes © BNG

O BNG pide que Feijóo se pronuncie sobre a proposta de Vox de "ilegalizar" a Xunta de Galicia e En Común salienta que Pablo Iglesias foi o único que falou de Galicia no debate

Mentres, no resto de partidos o día despois do único debate desta campaña estivo marcado polas referencias á súa principal novidade, a presenza por primeira vez nel dunha formación de extrema dereita. O BNG, por boca da súa portavoz nacional, Ana Pontón, botou en cara a Feijóo os pactos do PP con Vox, unha formación da que salientou que quere “ilegalizar” o autogoberno e, con el, a Xunta de Galicia. 

Desde En Común, que este mércores contará en Vigo coa presenza en varios actos do cofundador de Podemos Juan Carlos Monedero, o candidato pola Coruña Antón Gómez-Reinero salientou que no debate o líder desa formación, Pablo Iglesias, foi o único que falou de Galicia, ao mencionar os problemas do rural. “Hai que normalizar a situación en Catalunya, pero Galicia ten que estar no debate público a nivel do Estado, igual que Catalunya”, dixo.

Antón Gómez-Reino, este martes nun acto en defensa do benestar animal Dominio Público @EnComun_Gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.