Pontón augura que "como en cada proceso electoral, chegará a ladaíña de que o Bloque tocou teito; igual que cando se negaba a posibilidade" de que Lores e Sanmartín gobernasen, afirma
Os resultados das últimas eleccións galegas (2024) trouxeron consigo a quinta maioría absoluta consecutiva do PP, feito que por razóns evidentes deixou en segundo plano outros datos ou novidades significativas no comportamento do electorado. Por exemplo, o crecemento do BNG nas principais cidades, que mesmo o levou a obter a primeira posición en Vigo. E dentro delas, o elevado apoio que a formación encabezada por Ana Pontón logrou nos barrios máis mozos das dúas urbes máis poboadas, o vigués de Navia e o coruñés de Novo Mesoiro.
Datos coma estes, canda o panorama político xeral en Galicia no Estado e, obviamente, as dinámicas locais veñen de levar o Bloque a fixarse un reto tan concreto como significativo: "Lograr máis alcaldías nas cidades nas eleccións municipais de 2027". É dicir, revalidar en maio do ano vindeiro os bastóns de mando en Pontevedra e Santiago e engadir á conta cando menos algún nas cinco cidades restantes.
Foi a portavoz nacional da formación quen verbalizou o "reto" este mércores, nun encontro coas cabezas de cartel do BNG nas sete principais urbes, "o dream team para xogar na liga das grandes cidades", en verbas de Pontón. "Estamos liderando Pontevedra e Santiago, pero non nos conformamos", sinala ao tempo que augura que "como sucede en cada proceso electoral, chegará a ladaíña de que o Bloque xa tocou teito".
O Bloque sinala as sete principais cidades como "clave" para "pensar o país que queremos ser", que "non pode verse lastrado por localismos estériles nin confrontacións inútiles"
Acontecerá, prevé, "exactamente igual que cando se negaba a posibilidade" de encabezaren os gobernos pontevedrés e compostelán", e "aí están Pontevedra con Lores e Santiago con Goretti Sanmartín". "Sabemos que é posible, que imos gobernar máis cidades, sen poñernos límites porque demostramos que sabemos facer as cousas ben e mellorar a vida da xente, sabemos gobernar", afirma.
Coida Pontón que a cita municipal vai ser tamén a demostración de "cada vez máis xente mira o BNG como a alternativa que pode dar futuro e esperanza" fronte "a un PP cada vez máis ultra". E neste contexto, sinala, as cidades "nas que viven un millón de persoas, están chamadas a xogar un papel clave" para un futuro de Galicia "que non pode verse lastrado por localismos estériles nin confrontacións inútiles": "Pensar as cidades é pensar o país que queremos ser".
Canda Lores e Sanmartín e en compañía tamén de Avia Veira (A Coruña), Xabier Pérez Igrexas (Vigo), Luís Seara (Ourense), Rubén Arroxo (Lugo) e Mon Fernández (Ferrol) a líder do Bloque indica que os núcleos urbanos deben ser, se a formación soberanista logra gobernalos, "as columnas vertebrais sobre as que asentar un novo modelo de desenvolvemento económico e social" para o país. O "modelo urbano de éxito" en Pontevedra ou o "desbloqueo de proxectos que levaban moitos anos paralizados" en Santiago, indica, son "avais" de que o BNG "ten un proxecto que mellora a vida das persoas e fai avanzar as cidades".