Tráfico de influencias, abuso de dereito, suborno: As condenas xudiciais que afean os 10 anos de Feijóo na Xunta

Reunión do Goberno de Feijóo e fragmentos de sentenzas contra a Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Tras atribuír ao bipartito que o precedeu desde prevaricación ata mortes por incendios forestais, o presidente popular, que o 1 de marzo de 2009 gañaba as súas primeiras eleccións autonómicas, leva unha década minimizando sentenzas que constatan todo tipo de ilegalidades cometidas na Xunta durante o seu mandato

Tráfico de influencias, negociacións prohibidas a funcionarios, suborno, vulneración dos dereitos laborais, abuso de dereito, desviación de poder, comportamento malicioso. Todas esas ilegalidades, varias delas delitos, veñen sendo constatadas en numerosas sentenzas xudiciais emitidas contra a Xunta ou cargos do Goberno galego desde que hai agora dez anos, o 1 de marzo de 2009, Alberto Núñez Feijóo gañou as súas primeiras eleccións autonómicas. El, que durante a súa longa campaña para derrubar o bipartito precedente atribuíulle desde prevaricación ata mortes por incendios forestais, leva unha década minimizando as ilegalidades cometidas baixo a súa presidencia ou xustificando que a propia Xunta non as persiga. A súa estratexia neste tempo é a de tratar as sentenzas como se fosen críticas partidistas da oposición e mesmo lamentar que os medios de comunicación publiquen as condenas contra a Xunta pero non as veces en que os tribunais din que cumpriu coa súa obriga e actuou como debía. 

A condena máis significativa nestes dez anos contra cargos do Goberno galego foi a do caso Campeón de corrupción arredor do empresario lucense Jorge Dorribo. Tráfico de influencias e negociacións prohibidas a funcionarios son os delitos polos que foron condenados, por axudar a Dorribo, o daquela deputado autonómico do PP Pablo Cobián, o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, e o subdirector de Información Especializada dese mesmo ente dependente da Consellería de Economía, Carlos Silva. No caso Campeón o propio Feijóo avalou que a Xunta non acusase aos tres cargos políticos malia si pedir penas contra os outros nove empresarios tamén implicados e fronte ao criterio da Fiscalía de actuar contra todos eles. Tempo despois, o presidente mesmo chegou a facer un recoñecemento público e expreso ao director do Igape condenado.

Sentenza do caso Campeón coas condenas do ex-deputado Pablo Cobián e os ex-directivos do Igape CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo avalou que a Xunta non acusase a cargos públicos que acabaron condenados por corrupción

A Xunta tampouco acusou a un dos dous técnicos da Consellería de Cultura e da entidade xestora do Xacobeo condenados por suborno nunha trama de corrupción con arte sacra rehabilitada con fondos públicos, o denominado caso Retablo, con centos de miles de euros polo medio. O caso saldouse coa aceptación por parte da Xunta dun acordo polo que os dous técnicos autonómicos condenados viron rebaixadas as súas penas a multas de só 2.000 e 720 euros respectivamente. “Delinquir non sae barato”, valorou Feijóo esas condenas.

Feijóo tamén avalou que tampouco formule acusación a Xunta, que non está nin persoada na causa, no caso Cela, pendente de xuízo, no que están acusados de malversación de cartos públicos autonómicos na fundación do premio Nobel a súa viúva, Marina Castaño, así como o ex-conselleiro popular Dositeo Rodríguez, a filla deste e o ex-xerente da entidade, dependente da administración autonómica e polo tanto considerados a eses efectos os acusados como “funcionarios públicos a efectos penais, por desempeñar funcións nunha fundación do sector público”. A renuncia da Xunta a perseguir delitos persoándose nas causas ou formulando acusación contra cargos autonómicos súmase ás reticencias do Goberno galego ao longo da última década a que se cree unha Fiscalía Anticorrupción en Galicia.

O Tribunal Superior chegou a atribuír á Xunta un comportamento "malicioso" ao vulnerar o dereito de folga

Máis alá dos rechamantes delitos de corrupción, é habitual que as administracións públicas sexan condenadas por irregularidades na xestión do seu persoal. Non é tan habitual que as sentenzas atribúan a esas ilegalidades unha intencionalidade. Pero así o fixo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao considerar que o Goberno galego actuara de xeito “malicioso” ao fixar servizos mínimos da folga feminista do 8 de marzo do pasado ano.

Condena á Xunta por vulnerar o dereito de folga de xeito "malicioso" e reiterado CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal reprochou á Xunta que veña vulnerando de xeito recorrente o dereito de folga, con numerosas sentenzas que así o certifican. Porén, a resposta de Feijóo foi restar importancia a esas sentenzas e lamentarse de que sexan noticia as condenas á Xunta pero non as veces en que os tribunais certifican que actúa como está obrigada.

A Xustiza condenou á Xunta pola morte de dous brigadistas en 2010 despois de que Feijóo criticase ao bipartito dicindo que co anterior goberno popular "non morría xente nos incendios"

As condenas á Xunta na última década por cuestións laborais chegaron ao punto de establecer, no caso da morte en 2010 de dous brigadistas nun incendio forestal, a existencia de “relación de causa a efecto” entre a actuación da administración autonómica, que tardara en desprazar á zona unha motobomba, e o falecemento dos dous traballadores. Dous anos e medio antes, na oposición, o propio Feijóo cargara contra a Xunta de PSdeG e BNG: “Con nós non morría xente nos incendios”

Sentenza do TSXG contra a Xunta pola morte de dous brigadistas en Fornelos en 2010 CC-BY-SA Praza Pública

"Conxura", "maquinación" ou "abuso de dereito raiano na prevaricación" son algunhas das expresións empregadas polos xuíces en condenas contra actuacións da Xunta en materia funcionarial

Sen chegar a esa gravidade, no seu trato cos seus traballadores a Xunta vén acumulando sentenzas por todo tipo de discriminacións, desde probas de acceso á función pública resoltas de xeito “discrecional” ata despedimentos nos que os tribunais ven unha intencionalidade espuria máis alá de irregularidades administrativas. Unha “conxura” e “maquinación” dun tribunal para amañar unhas oposicións ou o despedimento dunha traballadora cun “abuso de dereito raiano na prevaricación”, segundo as expresións empregadas polos xuíces, son algúns dos exemplos nese eido.

"Evidente mostra dun nepotismo que, lonxe de perder arraigo, parece reforzarse", viu o TSXG na Xunta ao crar unha praza para a cuñada dunha alto cargo

O pasado outubro o TSXG chegou a apreciar na Consellería de Educación unha “evidente mostra dun nepotismo que, lonxe de perder arraigo na administración pública, parece reforzarse”. Así o sentenciou ao anular unha praza que a consellería creara “ad hoc” para beneficiar a unha cuñada da secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella. 

Protesta contra o caso de nepotismo coa cuñada da secretaria de Igualdade da Xunta © CIG-Ensino

En varias decisións administrativas os tribunais atoparon desviación de poder

Nese e noutros moitos casos de discriminación ou favoritismo con funcionarios os tribunais veñen sentenciando que existiu desviación de poder. O mesmo que considerou o TSXG que existiu con outras decisións administrativas do Goberno galego adoptadas en reunións presididas polo propio Feijóo como a de intentar legalizar milleiros de vivendas ilegais en Barreiros con obras sufragadas con cartos autonómicos porque non as acometeran os promotores privados. Tamén desviación de poder atopou un tribunal aínda máis alto, o Supremo, na decisión de paralizar en 2009 autorizacións de parques eólicos outorgados polo bipartito.

Un xuíz considerou "un fracaso estrepitoso do sistema" que o Sergas puxese en risco a vida dunha muller por un aborto terapéutico que derivou a Madrid e polo que Feijóo acabou pedindo "desculpas"

E igual que no eido laboral a Xunta recibiu sentenzas que van máis alá de constatar irregularidades administrativas, tamén no eido social e sanitario o Goberno galego foi condenado na última década por actuacións que para os xuíces superan o que se podería considerar un erro médico. Iso podería ser o que houbo nun primeiro momento no caso dunha paciente cuxa vida o Sergas puxo en perigo e mandou a Madrid para un aborto terapéutico no que perdeu o útero. "Lentitude, falta de reflexos, ignorancia, inoperancia, ineficacia temeraria e falta de sensibilidade" son algunhas das palabras que empregou o xuíz na condena, pero deixando claro que o reproche ía máis alá dos facultativos que atenderon á muller e sinalando que “o Sergas desenténdese da situación da recorrente e derívaa a Madrid, para que resolvan alí a embarazosa situación, para que se zafen alí do problema”. “Representa un fracaso estrepitoso do sistema”, concluía o xuíz nun caso no que o propio Feijóo acabou pedindo “desculpas” en público.

Se nese caso a Xunta foi condenada por non actuar, tamén hai sentenzas contra ela por excederse nas súas actuacións. É o caso dunha condena ao Goberno galego por rebaixar a dependencia dun home que pedira revisala á alza. O TSXG criticou que ante a petición do dependente a Xunta actuase “en manifesto prexuízo” del e lle rebaixase o grao de dependencia en lugar de limitarse a negarlle a revisión. O home acabou falecendo antes de que o tribunal lle dese a razón fronte á Xunta.

Arquivo da causa contra Fernández-Couto (dereita) polo encargo sen contrato dos helicópteros contra incendios que o xuíz considerou ilegal pero non prevaricación CC-BY-SA Praza Pública

Noutros casos, sentenzas xudiciais que non condenan á Xunta de xeito expreso si constatan diversas eivas no funcionamento do Goberno galego

Ademais destas e outras moitas condenas, numerosas sentenzas emitidas nos últimos anos constatan, malia non condenar á Xunta de xeito expreso, diversas irregularidades cometidas polo Goberno galego. Foi o caso do arquivo da imputación por prevaricación que pendeu sobre o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, polo xeito en que encargou a dedo a unha empresa o servizo de helicópteros contra incendios sen ningún tipo de contrato polo medio, unha máis das diversas irregularidades detectadas neses servizos polo Consello de Contas, o ente independente de fiscalización da Xunta. O xuíz ratificou que o procedemento fora ilegal pero non viu delito de prevaricación, que require unha intencionalidade, porque non apreciou “capricho” na actuación do alto cargo.

Do mesmo xeito, numerosas sentenzas veñen evidenciando a incapacidade da Xunta de prestar unha atención adecuada ás máis de 3.000 persoas adultas que tutela a través da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga), con só 23 traballadores. Tutelados que exercen a mendicidade e mesmo un que cometeu un asasinato, desvío de responsabilidades propias a outras administracións ou entidades sociais, ou relacións laborais conflitivas no seu seo son algunhas das eivas do funcionamento da Funga que veñen poñendo en evidencia os tribunais nos últimos anos. En moitos deses casos, reflicten as sentenzas, a Xunta nin se persoou nos procedementos xudiciais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.