"Temos que reivindicar o dereito a estar continuamente repasando e revisando as nosas ideas"
Quedamos con Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) para tomar un café no seu barrio, en Vigo, unha mañá de primavera que non quere chover. “Temos que reivindicar o dereito a estar continuamente repasando e revisando as nosas ideas. Pero cando os cambios se producen por razóns de interese económico ou persoal, non de coherencia interior, conducen ao esperpento e ao ridículo, e son inmorais. A non ser que sexas de cartón pedra, se estás vivindo as ideas, pois as ideas están sometidas a movemento; outra cousa son os cambios interesados e fraudulentos”, asegura na conversa.