Dez informacións para recuperares se desconectaches durante a Semana Santa

Os correos de Amtega, Ana Pontón, un interruptor da luz, Alfonso Rueda e protesta de vítimas de Angrois CC-BY-NC-SA Praza.gal

Por devoción relixiosa, por costume ou polo simple feito de cadrar dous días festivos xusto antes do sábado e o domingo, é posible que durante toda ou parte da pasada semana optases por desconectar un chisco da actualidade. Máis aínda tendo en conta o ritmo frenético, actualmente marcado pola guerra na Ucraína, a crise de prezos e a inminente fin da obriga xeral de portar máscaras en espazos interiores, mais tamén pola remuda que imos vivir na presidencia da Xunta. Para facilitarche o retorno, seleccionamos dez informacións que publicamos en Praza.gal nos últimos días, dende a documentación á que tivemos acceso sobre os case 300.000 euros perdidos pola Xunta por mor dun correo que acabou en spam ata a entrevista coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pasando polas mobilizacións na CRTVG ou os movementos de Baltar que decantaron a sucesión no PPdeG e no Goberno galego.

A Xunta non puido xustificar ante a xustiza por que acabou en 'spam' o correo que a fixo perder 293.000 euros nun preito 

Os servizos informáticos fixeron un informe que se limita a dicir que “foi dirixido de forma automática” á carpeta de correo non desexado, sen indicar que se rexistrase ningún erro, e o tribunal respondeu que estaba na súa man configurar mellor o sistema

A Xunta retruca que hai máis colexios plurilingües públicos ca concertados e que co bipartito non había 

Educación responde ao estudo que denuncia eivas e sinala os centros privados como beneficiados polo plurilingüismo con novos datos que insisten en que a porcentaxe de públicos incluídos no modelo é moito menor. 

O xuízo de Angrois comezará máis de nove anos despois do accidente e prevese que dure preto dun ano 

O 20 de setembro está previsto que comecen as sesións, coas cuestións previas e as declaracións dos dous acusados, o maquinista e un ex-directivo de Adif, e a sentenza non chegará ata unha década despois do sinistro

Treitos do informe da Amtega sobre o correo que acabou en spam, sobre unha fotografía dun acto de Feijóo coa directora da Axencia en 2015 CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe e documentación: Praza.gal

A Xunta é condenada por tardar dous anos en resolver o acoso laboral que sufriu un traballador 

O Tribunal Superior censura a “demora especialmente relevante” de Medio Rural malia os “indicios razoables de existencia de violencia no traballo” e obrígaa a indemnizar o afectado

A COVID en Galicia a unha semana da fin da máscara baixo teito: medio milleiro de ingresos coa incidencia en segundo plano 

Os hospitais galegos rexistran nos últimos días algo máis de 500 hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID-19, se ben Sanidade matiza que en torno á metade ingresaron por motivos diferentes ao virus. Os datos de incidencia, cuns 500 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, están moi influídos pola fin xeral das probas fóra dos grupos "vulnerables" e porque os autotest feitos na casa xa non se inclúen no cómputo oficial

O abuso da temporalidade na CRTVG ergue o persoal: cesións ilegais, fraude e 200 sentenzas en contra 

Ducias de sentenzas recoñecen a irregularidade contractual e a indefinidade de traballadores e traballadoras dos medios públicos, onde o 40% son temporais, moitos deles encadeando diferentes tipos de contratos durante anos.

A inflación supera o 10% en Galicia impulsada pola luz e os carburantes, que subiron un 83% nun ano 

O IPC dispárase cun incremento do 10,5% en marzo con respecto ao pasado ano, sete décimas máis que a suba media estatal.

Alfonso Rueda comparece ante os medios de comunicación en presenza de Feijóo tras un Consello da Xunta nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

16 anos despois outro Baltar volve decantar a presidencia do PPdeG e ratifica a da Xunta para Alfonso Rueda 

O actual vicepresidente xa era o mellor situado para suceder a Feijóo á fronte do Goberno galego, pero a aposta do ourensán por un congreso no partido que evite bicefalias amplía a súa marxe de manobra, á espera de coñecer que cede a cambio aos baróns provinciais. Podes coñecer máis do futuro presidente neste perfil: Alfonso Rueda: de fillo e afiliado a presidente da Xunta 

As comunidades de montes pelexan polo seu recoñecemento como xeradoras de electricidade: "queren restrinxirnos a ser produtores de madeira" 

A UE impulsa 'comunidades enerxéticas locais' que desenvolvan proxectos de enerxía renovable de autoconsumo. Porén, a falta de recoñecemento legal da propiedade comunal e os atrancos das grandes compañías eléctricas dificultan o acceso dos comuneiros. O Ministerio de Transición Ecolóxica comprometeuse a atopar fórmulas legais. Falamos con Gonzalo Pérez, da comunidade de montes de Tameiga, que instalou placas fotovoltaicas

"O cambio de ciclo político xa empezou e a alternativa con vocación maioritaria é o BNG" 

A portavoz nacional do Bloque dá por "constatado" que en Galicia existe "unha maioría social esgotada dos anos de goberno" dun PP que agora se limita a "cambiar caras" mentres mantén a Xunta "paralizada" na peor crise de prezos en catro décadas. "Non ter o obxectivo de ser unha forza hexemónica sería renunciar a dar un futuro mellor a este país", resalta nesta entrevista, na que repasamos algunhas das principais propostas do BNG e a conxuntura política galega e estatal

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, nun corredor do Parlamento ante un cadro de Xaime Quessada CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.