Detido pola Garda Civil o ex-deputado de AGE Xabier Ron nunha operación que incluíu rexistros no instituto de Pontedeume no que é profesor, segundo adiantou El Correo Gallego. O caso está instruído polo xulgado número 1 de Santiago, que decretou o segredo e non facilitará datos dun sumario que, atendendo ao revelado por El Progreso, investiga unha denuncia por agresión sexual. Ron foi membro da Cámara galega na lexislatura 2012-2016 e candidato en 2007 e 2011 á alcaldía de Santiago por Esquerda Unida, que nun comunicado subliña que Ron xa non ten vencellos coa formación e, ao tempo, resalta a "sorpresa" coa detención, a necesidade de respectar a presunción de inocencia e a "confianza" na investigación.