112 Galicia confirma que non lle afecta o fallo na rede telefónica fixa que impide o acceso a servizos de emerxencia noutros puntos do Estado.

112 Galicia confirma que non lle afecta o fallo na rede telefónica fixa que impide o acceso a servizos de emerxencia noutros puntos do Estado.
Grande Amore súmase ao cartel das Festas da Ascensión de Santiago no marco do Composfest que promove a SD Compostela canda o Concello. Celébrase o 30 de maio dende as 20h30 na Praza da Quintana, onde a banda liderada polo mariñao Nuno Pico comparte cartel con Houlin’Jaus e Helena Egea.
O Xulgado rexeita suspender cautelarmente a expulsión de catro dos seis edís do PSdeG en Santiago, que dende a pasada semana teñen a condición de non adscritos como consecuencia da decisión do partido. A xuíza indica que "o paso á condición de non adscritos supón a perda de dereitos e atribucións que a lei establece en consideración ao grupo municipal, pois se non se pertence a el non se pode gozar dos seus beneficios, pero non daqueles que constitúen o núcleo da función representativa". Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez reclamaban "que se declarase o seu dereito a ser repostos na plenitude dos seus dereitos persoais e políticos, tanto como afiliados ao PSOE como na súa condición" de membros do grupo municipal. Contra este auto cabe recurso na Audiencia da Coruña.
Falece Manuel Torreiglesias, presentador de programas como 'Boa Saúde' e 'Meigas Fóra' na TVG e de 'Saber Vivir' en TVE. Distinguido como fillo predilecto do Concello de Pontedeume, morreu este luns aos 84 anos.
O Exército de Israel advirte dun "ataque sen precedentes" na cidade de Khan Yunis contra "terroristas" e avisa á poboación para que marche. Khan Yunis é a segunda cidade de Gaza, sitúase no sur da franxa, e acolle un dos campos de refuxiados da UNRWA, a organización de Nacións Unidas para Palestina. A UNRWA asegura que "o 71% de franxa de Gaza" está dentro da "zona militarizada por Israel". O propio exército manifesta que nas últimas 24 horas bombardeou "160 obxectivos" coas súas forzas aéreas. Na UNRWA denuncian que as autoridades israelís seguen bloqueando a entrada de subministracións desde hai máis de dez semanas. O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, asegurou este luns que acabarán "tomando o control de todas as zonas da franxa" de Gaza. Só esta fin de semana morreron máis de 250 persoas a causa dos ataques na franxa. [📸 UNRWA]
Ana Pontón recrimina a postura do PP sobre Eurovisión e lamenta que "Rueda sexa incapaz de dicir algo tan simple como que condenar o masacre dun pobo non é ningún numerito , senón a mínima expresión da decencia moral e política". A portavoz nacional do BNG coida que, cos seus ataques a RTVE por amosar solidariedade co pobo palestino, os populares sobrepasaron "todas as liñas vermellas da decencia e da humanidade" por, no canto de "condenar un xenocidio, alentar o Estado criminal de Israel" a través de cargos como a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, mentres "o señor Feijóo cala e mira a outro lado". Na imaxe, Ana Pontón este luns en conferencia de prensa [CC BY-NC-SA BNG]
O BOE e o DOG publican o real decreto de traspaso de funcións sobre o litoral do Estado á Xunta, a primeira cesión de competencias a Galicia en 17 anos. Será efectiva a partir do 1 de xullo e Xunta e Goberno de España seguirán intercambiando informes naqueles casos en que unha competencia corresponda á outra administración.
O inquérito da RTP apunta a unha clara vitoria da dereita en Portugal, coa ata agora gobernante Aliança Democrática do primeiro ministro Luís Montenegro en cabeza e sumando arredor dunha decena de escanos. O Partido Socialista perdería arredor dunha vintena de representantes e estaría en segunda posición, pero coa extrema dereita do Chega moi próxima
A participación nas eleccións portuguesas ata as 12 da mañá é do 25,56%, un dato moi semellante ao das anteriores lexislativas, celebradas o pasado ano. Na imaxe, a sede da Assembleia da República, en Lisboa, cuxos 230 escanos se renovan este domingo [© Assembleia da República]
Domingo de alertas meteorolóxicas por treboadas con fortes chuvias e sarabia en gran parte de Galicia. MeteoGalicia ten activo o aviso amarelo na provincia de Lugo e no interior da Coruña por tormentas que "poden superar os 15 litros nunha hora e vir acompañadas de sarabia" dende mediodía e ata as 21h. Aemet eleva os seus avisos a nivel laranxa no centro e sur da provincia de Lugo por chuvias de ata 30 litros nunha hora e sarabiadas a causa das tormentas e estende o nivel amarelo ao resto da área lucense, a toda a provincia de Ourense e tamén á da Coruña agás a contorna da Costa da Morte e do Barbanza. En liña cos avisos da Aemet, Emerxencias da Xunta activou a alerta laranxa no centro e sur de Lugo e a amarela no resto de áreas baixo aviso. Por este motivo, a Secretaría Xeral para o Deporte suspendeu toda a actividade deportiva federada nas zonas con alerta laranxa dende as 15:00 e ata a medianoite.