Domingo de alertas meteorolóxicas por treboadas con fortes chuvias e sarabia en gran parte de Galicia. MeteoGalicia ten activo o aviso amarelo na provincia de Lugo e no interior da Coruña por tormentas que "poden superar os 15 litros nunha hora e vir acompañadas de sarabia" dende mediodía e ata as 21h. Aemet eleva os seus avisos a nivel laranxa no centro e sur da provincia de Lugo por chuvias de ata 30 litros nunha hora e sarabiadas a causa das tormentas e estende o nivel amarelo ao resto da área lucense, a toda a provincia de Ourense e tamén á da Coruña agás a contorna da Costa da Morte e do Barbanza. En liña cos avisos da Aemet, Emerxencias da Xunta activou a alerta laranxa no centro e sur de Lugo e a amarela no resto de áreas baixo aviso. Por este motivo, a Secretaría Xeral para o Deporte suspendeu toda a actividade deportiva federada nas zonas con alerta laranxa dende as 15:00 e ata a medianoite.
