Sandra Permuy convértese na primeira alcaldesa do Concello de Fene. A até o de agora primeira tenente de alcalde e concelleira de servizos, benestar social, igualdade, seguridade e persoal foi investida alcaldesa co apoio das concelleiras do BNG e Esquerda Unida no pleno celebrado na tarde deste venres, no que participaron os exalcaldes nacionalistas Xosé María Rivera Arnoso e Juventino Trigo, así como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. "A corporación actual parécese máis que nunca ao pobo que nos elixiu", salientou Permuy.
