👅🛰Hoxe, Día das Letras Galegas, a portada de Praza está en galego. E todas as nosas informacións.
👌Mañá, tamén
🤗Faite socia, faite socio do xornal da Galicia que vén dende 5€/mes
🔄Ata o 80% da achega vénche de volta na declaración da renda

👅🛰Hoxe, Día das Letras Galegas, a portada de Praza está en galego. E todas as nosas informacións.
👌Mañá, tamén
🤗Faite socia, faite socio do xornal da Galicia que vén dende 5€/mes
🔄Ata o 80% da achega vénche de volta na declaración da renda
Tanxugueiras celebran o Día das Letras homenaxeando as pandeireteiras reinterpretando O meu amor de Leilía, "un dos temas máis influentes do xénero" cuxas intérpretes, destacan, son "unhas das culpables de que Tanxugueiras quixesen dedicarse á música". O grupo dedica a canción "a todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gorxas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe nos define". Aida Tarrío e Sabela e Olalla Maneiro participan este 17 de maio no pleno extraordinario da RAG en Malpica.
Sandra Permuy convértese na primeira alcaldesa do Concello de Fene. A até o de agora primeira tenente de alcalde e concelleira de servizos, benestar social, igualdade, seguridade e persoal foi investida alcaldesa co apoio das concelleiras do BNG e Esquerda Unida no pleno celebrado na tarde deste venres, no que participaron os exalcaldes nacionalistas Xosé María Rivera Arnoso e Juventino Trigo, así como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. "A corporación actual parécese máis que nunca ao pobo que nos elixiu", salientou Permuy.
Amelia Pérez, reelixida secretaria xeral do sindicato nacional de CCOO de Galicia no seu 13º congreso. Seguirá á fronte de Comisións os vindeiros catro anos. Roberto García, pola súa banda, foi reelixido á fronte de Unións Agrarias.
O conselleiro de Sanidade critica que o informe do Consello de Contas sobre o Plan galego de saúde mental 2020-2024 “limítase” a estudar “só tres anos” e “non ten en conta o gasto de persoal”. Ante a reacción dos partidos da oposición, que cualifican como “demoledor” o resultado da análise de Contas, Antonio Gómez Caamaño sinala que BNG e PSdeG “ou non leron o informe, ou o leron e non o entenderon, ou o leron e o entenderon e menten”. [📸 Na imaxe, o conselleiro este venres nunha visita ás obras do hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil de Ferrol CC-BY-SA Consellería de Sanidade]
O CSD autoriza a venda do Club Deportivo Lugo. Un grupo investidor mexicano mercará o 75% das accións de Tino Saqués para facerse coa entidade albivermella. Foto: © CDLugo
Sirat, de Oliver Laxe, acollida entre aplausos na súa estrea no Festival de Cannes. Esta é cuarta película de Laxe e a cuarta vez que participa no certame francés, con O que arde gañou o premio do xurado da sección Un Certain Regard, mais é a primeira ocasión na que o fai dentro da sección oficial e opta á Palma de Ouro. Ao remate da proxección do filme este xoves, Oliver Laxe agradeceu ao Festival de Cannes a súa aposta polo "cinema fráxil e forte ao mesmo tempo" e celebrou que no Estado español, representado tamén na sección oficial por Romería, de Carla Simón, se faga un cine "cada vez con máis alma". [📸 Movistar Plus+]
Rueda di ante o Lehendakari que a relación con Euskadi "convén moito" a Galicia e agradécelle a colaboración para lograr as competencias de xestión do litoral. O presidente mantivo o seu primeiro encontro con Imanol Pradales este xoves en Euskadi.
Centos de persoas protestan no centro de saúde de Viveiro contra a falta de médicos na Mariña e contra "as mentiras do PP". BNG e PSdeG apoiaron unha mobilización convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
Pandeirada no prado. Casa Grande de Xanceda e o Concello de Mesía homenaxean as cantareiras que centran este ano o Día das Letras cunha peza recollida por Baldomero Iglesias, Mero, fillo predilecto do concello, e interpretada polas pandeireteiras e bailadoras da Escola de Música Tradicional da localidade. Con esta Muiñeira de Mesía a pé de prado procuran "facer visible que que a tradición da poesía oral é tan potente que chegou ata un grupo de mozas adolescentes, que cantan con orgullo desde o rural”, o cal "non sería posible en esas mulleres rurais irredutibles que a mantiveron e transmitiron un mundo e unha cultura". Esta muiñeira é parte do cancioneiro recollido no Museo do Pobo Galego na colección de Baldomero Iglesias e que conta con 13.404 coplas recollidas na contorna de Mesía. As pandeiretas para tocala son obra do artesán José Manuel Salvado, Sanín, que as deseñou en exclusiva "con parche de estampado de vaca, madeira negra e ferreñas bicolores" para "integrar a tradición e a modernidade".