A RAG entrega ao proxecto Aquí Tamén Se Fala do instituto coruñés Rafael Dieste o premio Na lingua que eu falo para recoñecer o seu traballo "a prol da normalización do idioma na infancia e na mocidade". A iniciativa, destaca o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, "presenta a lingua coma un elemento de liberdade, algo que se escolle e que se quere" e ao tempo "amosa que a inmigración non é unha ameaza que nos vén deteriorar, senón algo que nos vén enriquecer, que nos vén abrir ventás, portas para o mundo". "Estes rapaces ensináronnos que unha lingua pode ser tamén un lugar de chegada. Talvez o futuro do galego xa estea aquí", salienta o profesor Alberto Pombo, impulsor de ATSF e director do Rafael Dieste. Na imaxe, alumnado e profesorado participante no proxecto con membros da RAG e coa deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra, durante o acto de entrega. [Imaxe: ATSF]