A Xunta publica a distribución dos 200.000 euros das axudas anuais "a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego". Praza.gal non pode concorrer a estas axudas por destinárense a cabeceiras impresas, mais tampouco ás xerais para "empresas xornalísticas e de radiodifusión", que a Secretaría Xeral de Medios convocou para este 2026 cunha dotación de case 2 millóns, 455.000 deles para xornais dixitais e das que este xornal fica fóra por ser a súa editora, a Fundación Praza Pública, unha entidade sen ánimo de lucro, suposto que o Goberno galego vén mantendo como causa de exclusión para optar a elas. Na imaxe, unha sala de prensa en San Caetano, nunha fotografía de arquivo.