Detido un mozo en Aguiño (Ribeira) acusado de matar a seu pai de dous disparos. O falecido tiña 47 anos e foi asistido polos servizos médicos pero faleceu en Urxencias do Hospital do Barbanza.
Detido un mozo en Aguiño (Ribeira) acusado de matar a seu pai de dous disparos. O falecido tiña 47 anos e foi asistido polos servizos médicos pero faleceu en Urxencias do Hospital do Barbanza.
Vigo inicia a montaxe das luces do Nadal. O alcalde da cidade, Abel Caballero, anuncia "máis de 12 millóns de luces LED e 500 rúas iluminadas" no acto que deu comezo á preparación da instalación de toda a ornamentación, a cinco meses das festas.
Folga na hostalaría da Coruña o día do eclipse. CIG, CCOO e UGT anuncian un paro para o vindeiro 12 de agosto en toda a provincia que afecta bares, restaurantes, hoteis, pubs e cámpings. As centrais advirten de que levan ano e medio intentando renovar o convenio colectivo e denuncian condicións de "semiescravitude" nalgúns establecementos e que a patronal só propon eliminar o complemento de baixa.
Feijóo intercambia eloxios co fujimorismo pola toma de posesión da nova presidenta do Perú, Keiko Fujimori. O ex-presidente e actual líder estatal do PP acudiu aos actos oficiais do acceso ao poder da filla e herdeira política do réxime de Alberto Fujimori, falecido en 2024 e autor de diversos delitos de corrupción e crimes contra a humanidade polos que cumpriu case dúas décadas de cadea. Tamén participou nun encontro empresarial canda ela con, entre outros, a ex-ministra e ex-presidenta do Congreso Ana Pastor, actualmente directiva nunha empresa sanitaria privada. O popular aproveitou tamén a viaxe para xuntarse con outros líderes da dereita e da extrema dereita latinoamericana, coma o chileno José Antonio Kast.[Imaxe: © David Mudarra / PP]
Santiago xa é zona de mercado residencial tensionado. O BOE publica a declaración que permite de agora en diante ao Concello compostelán aplicar medidas para frear o incremento dos prezos dos alugueiros, culminando así o proceso que a Xunta aceptou o pasado abril tras frear a primeira solicitude do goberno municipal en 2025. É a segunda destas declaracións en Galicia tras a da Coruña, vixente dende mediados de 2025.
Zaragoza albergará a Axencia Estatal de Saúde Pública á que aspiraba Lugo. Pedro Sánchez confirma, no seu balance do 'curso político', que a proposta aragonesa foi a gañadora dun proceso no que tamén concorrían Barcelona, Toledo, Granada, Murcia, León e Oviedo. A candidatura galega principiara co goberno municipal lucense previo á moción de censura, foi herdada polo actual gabinete municipal e recibiu diversos apoios, entre eles da Xunta e do Parlamento. Na imaxe, detalle do edificio do Pazo de Feiras e Congresos lucense, que a cidade propuña para acoller a AESAP. [CC BY-SA RodrigoRega]
Catro dos cinco edís do goberno do PSdeG en Carballeda de Avia desmárcanse da posible fusión con Ribadavia que o alcalde, o tamén socialista Luis Milla, admitiu explorar canda o seu homólogo ribadaviense, o popular César Fernández. Nun comunicado conxunto Noemí Alonso, Daniel González Javier Rodríguez e Jesús Alonso aseguran non "compartir" que "a desaparición do noso concello mediante unha fusión sexa a mellor resposta" para os "desafíos" pola perda e envellecemento da poboación e piden "explorar outras fórmulas" para "compartir servizos" ou "mellorar a xestión". "Rexeitamos este proxecto de fusión e non apoiaremos a súa aprobación", advirten.
Morre a balea varada na praia de Sabón, en Arteixo. Salvamento Marítimo, servizos de emerxencias ou o Cemma traballaron desde esta mañá para devolver ao mar un animal de entre dez e doce metros. Unha vez mar adentro, o cetáceo afundiu e expertos de Cemma cren que puido ser atopado xa sen vida a primeiras horas do día.
Alerta amarela por unha nova vaga de calor no litoral pontevedrés e en boa parte do interior de Ourense e do sur de Lugo. A Aemet advirte de risco importante por altas temperaturas na comarca do Ribeiro e na área da capital ourensá, con temperaturas que roldan os 40 graos.
A Unesco debate a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade no medio dunha gran división que obrigou a adiar a votación definitiva. A sesión do Comité de Patrimonio Mundial celébrase en Busan (Corea do Sur).