Catro dos cinco edís do goberno do PSdeG en Carballeda de Avia desmárcanse da posible fusión con Ribadavia que o alcalde, o tamén socialista Luis Milla, admitiu explorar canda o seu homólogo ribadaviense, o popular César Fernández. Nun comunicado conxunto Noemí Alonso, Daniel González Javier Rodríguez e Jesús Alonso aseguran non "compartir" que "a desaparición do noso concello mediante unha fusión sexa a mellor resposta" para os "desafíos" pola perda e envellecemento da poboación e piden "explorar outras fórmulas" para "compartir servizos" ou "mellorar a xestión". "Rexeitamos este proxecto de fusión e non apoiaremos a súa aprobación", advirten.