O paro rexistrado nas oficinas de emprego aumentou en 1.352 persoas en Galicia no pasado mes de novembro, ata 165.659. Son 4.710 menos que hai un ano. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social reduciuse en 3.860 persoas e o total queda en 1,02 millóns, 13.719 por riba das de novembro de 2018. Máis información, hoxe en Praza.gal.
Fálase
Ana Pontón rexistra os seus avais para ser reelixida candidata do BNG á presidencia da Xunta. A portavoz nacional do Bloque presentou 1.252 avais, o que supón "multiplicar por seis os necesarios" segundo a normativa interna da formación, destacan. O proceso conclúe a finais de xaneiro.
Persoal e cidadanía do Hospital Comarcal de Verín inician un peche no centro en protesta polo peche do paridoiro e á espera de ser recibidos polo conselleiro de Sanidade.
'O que arde' acada catro nominacións aos Premios Goya, entre elas mellor película, mellor director (Oliver Laxe) e mellor actriz revelación (Benedicta Sánchez). Os profesionais galegos optan ademais a outros galardóns, coma o premio á mellor interpretación masculina (Luís Tosar) ou o premio ao mellor actor revelación (Santi Prego). Toda a información das candidaturas galegas aos galardóns, neste espazo
Comeza na Audiencia Nacional o xuízo contra a antiga cúpula de Pescanova, encabezada por Manuel Fernández de Sousa, pola quebra da empresa. A Fiscalía pide para o empresario ata 28 anos de cadea.
“Normalidade” no segundo día de transvasamento do combustible do ‘Blue Star’ a terra, segundo a Delegación do Goberno central. A operación, que comezou este sábado, unha semana despois de encallar o buque na costa de Ares, depende das condicións de luz e climatoloxía.
O xulgado reabre a investigación pola morte hai 17 anos da moza viguesa Deborah Fernández. Chama a declarar a sete testemuñas propostas pola familia para intentar aclarar o falecemento e posterior aparición do corpo da moza no Rosal, no que os investigadores cualificaron como unha escena montada con probas falsas.
A galega Beatriz Pino será responsable adxunta de Comunicación na xestora de Ciudadanos creada este sábado tras a dimisión de Albert Rivera e ata o congreso que en marzo renovará a dirección do partido. Pino fora elixida deputada no Congreso nas xerais de abril pero o pasado 10N non foi quen de revalidar o escano.
A retirada do combustible do ‘Blue Star’ adíase ao sábado tras facer este venres probas de transvase con auga. Segundo a Delegación do Goberno central, a proba foi “completada con éxito” pero ante as poucas horas de luz que restaban decidiuse deixar para o sábado, "se non xurden imprevistos", o transvase do combustible previsto para este venres.
O xuíz de Angrois adía máis dun mes a declaración de catro técnicos de Talgo sobre o suposto borrado de datos do tren. As comparecencias estaban previstas para os días 12 e 13 de decembro pero as partes pediron concentralas nunha única xornada.