Aviso amarelo por chuvias e vento nas provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña nas últimas horas deste mércores e primeiras do xoves.
Fálase
A Xunta eleva ao Supremo a sentenza que ampliaba a 22 semanas o permiso de paternidade dun empregado público. A Consellería de Facenda alega que a sentenza do TSXG de xuño non é de aplicación xeral, senón só para un caso concreto e recorre ao TS por “seguridade xurídica”.
O galego estréase no Congreso da man do socialista Besteiro mentres Vox abandona o hemiciclo e cisca os auriculares para a tradución no escano de Pedro Sánchez, ausente por motivos de axenda.
A UE adía a decisión sobre a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na UE. Moitos dos estados membros consideran que é "pronto" para decidir e os 27 esperarán a un ditame xurídico do Consello sobre as consecuencias da medida e unha análise do seu impacto económico. O ministro Albares propuxo priorizar o recoñecemento do catalán e aprazar o do galego e o éuscaro. Máis información, hoxe en Praza.gal Foto: UE.
Francisco Castro anuncia a súa dimisión como director xeral da Editorial Galaxia nun texto no que critica que a empresa "se negase reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado" que "desarmase as acusacións contra a Editorial" formuladas por Alberto Ramos na entrevista publicada por Praza.gal o pasado 8 de setembro.
- EDITORIAL | Carta de Praza ao público lector
Morre aos 80 anos o xornalista Pepe Domingo Castaño, nacido en Lestrobe (Dodro) en 1942, e que se converteu nas últimas décadas nunha das voces máis recoñecibles da radio no Estado, especialmente da programación deportiva. Ademais, foi cantante e traballou en televisión, mesmo nos primeiros anos da TVG. Era tío dos actores Cristina Castaño e Nacho Castaño.
Andrea Cascallar acada o premio á mellor tese de Europa polo seu traballo doutoral na USC. No seu traballo, Cascallar abordou o desafío científico de modelar a imprecisión na linguaxe, un ámbito clave da Intelixencia artificial que facilita a comunicación entre humanos e máquinas, ao “traducir’ a información contida nos datos (moitas veces, inintelixible), á linguaxe natural empregada polas persoas. É a segunda vez que a EUSFLAT premia unha tese do CiTIUS, logo da concesión ao investigador Alejandro Ramos en 2016
A campaña de vacinación conxunta fronte á gripe e á COVID-19 comezará o 25 de setembro e continuará ata fin de ano. Sanidade confirma que as persoas residentes en centros de maiores ou de discapacidade serán as primeiras en recibir estas doses. Polo xeral, os servizos de atención primaria administrarán as vacinas ás persoas de 80 e máis anos, que serán citadas mediante unha mensaxe de texto. Ademais, habilitaranse grandes recintos para a vacinación conxunta dos menores de 80 anos ao longo do mes de outubro, tamén cunha citación mediante unha mensaxe de texto.
O día 25 tamén comezará en Galicia a campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial para as crianzas.
O DOG publica as autorizacións da Xunta para que desde este sábado se poida cazar xabarín sen límite de exemplares na maior parte de Galicia.
Feijóo organiza en Santiago un acto contra "a ruptura da igualdade entre españois" este domingo "similar" ao que prevé en Madrid unha semana máis tarde. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que asistirá aos dous, salienta a importancia do de Santiago antes do de Madrid, e respalda a estratexia de Feijóo previa ao seu debate de investidura, para o que carece de apoios.