O DOG publica as autorizacións da Xunta para que desde este sábado se poida cazar xabarín sen límite de exemplares na maior parte de Galicia.

O DOG publica as autorizacións da Xunta para que desde este sábado se poida cazar xabarín sen límite de exemplares na maior parte de Galicia.
Feijóo organiza en Santiago un acto contra "a ruptura da igualdade entre españois" este domingo "similar" ao que prevé en Madrid unha semana máis tarde. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que asistirá aos dous, salienta a importancia do de Santiago antes do de Madrid, e respalda a estratexia de Feijóo previa ao seu debate de investidura, para o que carece de apoios.
O Parlamento Europeo denuncia as actitudes machistas do xa ex-presidente da federación estatal de fútbol, Luis Rubiales. A Cámara europea mostra un apoio maioritario á futbolista Jennifer Hermoso e ao resto de xogadoras da selección española pola "lección" que deron a Europa coa resposta materializada no movemento #SeAcabó.
Hai 38 anos, o 14 de setembro de 1985, inaugurábase a ponte da Illa de Arousa, que a uniu ao continente. Este vídeo de Ferrovial, responsable das obras, fai un percorrido polos traballos de construción da infraestrutura.
A familia do operario morto na refinería o pasado ano na Coruña exixe que se asuman "responsabilidades". Medio cento de persoas concentráronse ante os xulgados polo inicio das declaracións de representantes de Repsol e da empresa Nervión. Foto: CC BY-NC-SA Galiza Contrainfo.
Luar regresa sen Gayoso á TVG. O lonxevo presentador causará baixa durante unhas semanas no inicio do que será a 32ª tempada do programa, tras máis de tres décadas de emisión só interrompidas por causas alleas á CRTVG pola folga do persoal dos medios públicos. Dúas veces foi cancelado este ano por mor do paro.
Alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo visita estes días o país e versiona a canción 'Terra', das Tanxugueiras, no seu encontro co presidente da Real Academia Galega. Cantan as alumnas Lourdes Gómez Bermúdez e Maite Mercado e, na coreografía, están os seus compañeiros Bautista Rojas, Nicolás Basovnik e Candela Doural Oubiña, como se pode ver no vídeo compartido pola RAG. Víctor F. Freixanes agradeceu o labor do profesorado que fai posible gañar para a cultura galega novas xeracións que viven á outra beira do Atlántico.
Suecia enfría as posibilidades de que o galego sexa oficial na UE e recoñece que ten dúbidas sobre a modificación do regulamento para que a lingua galega, o vasco e o catalán tornen en oficiais nas institucións comunitarias. A reforma da normativa require da unanimidade dos 27 estados membros da Unión Europea.
Un tema de Baiuca, protagonista no evento de presentación do novo Apple Watch. A multinacional emprega unha versión de Mangüeiro para introducir o acontecemento.
Agustín Hernández, ex-conselleiro e ex-alcalde de Santiago, deixa a presidencia do Consello Económico e Social, na que o recolocara Feijóo en 2019 tras non recuperar a alcaldía compostelá. Hernández foi director xeral de Obras Públicas con Fraga entre 1998 e 2005, conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas de 2009 a 2014 e alcalde de Santiago entre ese ano e 2015.