A campaña de vacinación conxunta fronte á gripe e á COVID-19 comezará o 25 de setembro e continuará ata fin de ano. Sanidade confirma que as persoas residentes en centros de maiores ou de discapacidade serán as primeiras en recibir estas doses. Polo xeral, os servizos de atención primaria administrarán as vacinas ás persoas de 80 e máis anos, que serán citadas mediante unha mensaxe de texto. Ademais, habilitaranse grandes recintos para a vacinación conxunta dos menores de 80 anos ao longo do mes de outubro, tamén cunha citación mediante unha mensaxe de texto.
O día 25 tamén comezará en Galicia a campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial para as crianzas.