Un ducia de rosas brancas para Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao no 73º aniversario da súa morte. Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente da Fundación Castelao, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, realizaron este sábado no Panteón de Galegos Ilustres a tradicional ofrenda floral ao político e escritor finado en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. [Fotografía © Deputación da Coruña]
Fálase
A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. A dirección xeral de Emerxencias e Interior toma esta medida a partir desta tarde porque o vento soprará con forza no mar desde a media tarde deste sábado e as ondas poderán acadar os cinco metros de altura, segundo detalla Meteogalicia, e poderán chegar aos sete metros no noroeste. Tamén estará activa unha alerta amarela por precipitacións acumuladas en toda a provincia de Pontevedra, ademais de no oeste, suroeste e interior da Coruña, e mais no noroeste, no sur e na zona do Miño da provincia de Ourense.
A situación mantense o domingo, a borrasca centrada ao norte de Irlanda enviará ata o país unha nova fronte e a previsión indica que haberá ventos e chuvias fortes nas primeiras horas do día. A alerta laranxa na costa seguirá activa e a amarela estenderase a toda a provincia de Ourense, incluídas as zonas de montaña.
A AELG aprobou o nomeamento de Lydia Cacho, xornalista mexicana con raíces galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos, como Escritora Galega Universal en 2023. Hai dúas décadas informou amplamente sobre o feminicidio en Ciudad Juárez e ten escritos máis dunha ducia de libros derivados dos seus coñecementos e experiencias, desde a poesía até a ficción e mesmo un manual para previr o maltrato infantil.
Os Reis Magos xa percorren Galicia e esta tarde participarán en cabalgatas e visitas en todas as cidades e vilas galegas. Na imaxe, as súas Maxestades esta mañá nunha parroquia de Brión
Morre aos 94 anos Agustín Malvido, figura clave no sindicalismo nacionalista vigués. Nacido en Cangas, traballou en Álvarez e en Vidrios de La Florida. Foi o primeiro secretario comarcal da CIG de Vigo despois da unificación de INTG e CXTG, cargo que xa ocupara na ING en 1980. En 1998 foi nomeado Vigués Distinguido en recoñecemento da súa tarxectoria.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anuncia que as luces de Nadal se alongarán unha semana máis do anunciado, ata o 15 de xaneiro, atendendo ás demandas do sector da hostalaría. Este martes o rexedor afirmara que "por razóns de aforro enerxético" as luces se apagarían este domingo 8, o que provocou críticas nos hostaleiros do centro da cidade.
O Concello de Pontevedra asina coa Deputación a cesión do convento de Santa Clara, que pasa a formar parte do Museo de Pontevedra. O Museo xa está a realizar nel actividades, estudos e ten en marcha os trámites para a rehabilitación do inmoble, a través dun concurso internacional de proxectos. Segundo o convenio entre ambas institucións, o Concello poderá seguir facendo uso dos xardíns e do bosque coa intención de abrilos á veciñanza no futuro.
O Tribunal Supremo ratifica as sentenzas do TSXG sobre a responsabilidade do Concello de Vigo do mantemento do paseo de As Avenidas, que afundiu parcialmente durante a celebración dun concerto no festival O Marisquiño no verán de 2018 deixando máis de 400 persoas feridas. O alto tribunal non admite a trámite ningún dos recursos presentados polo consistorio vigués. [Na imaxe, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na súa chegada á comisión parlamentaria sobre o accidente]
Lula toma posesión como presidente do Brasil coa promesa de “reconstruír” o país contra “tudo aquilo que o torna tão desigual”. Tras vencer a Bolsonaro e con 77 anos o político retorna á presidencia que xa ocupara entre 2003 e 2010.
Morre aos 92 anos Rogelio Groba (Guláns, Ponteareas, 1930), compositor de máis de 700 obras de música clásica.