Novas revelacións sobre a trama de corrupción Koldo sinalan que Miguel Tellado se reuniu cun dos investigados e que o xuíz apunta o ex-ministro Ábalos como "intermediario". O PSOE pide explicacións a Feijóo sobre a reunión do seu número dous co líder da trama corrupta, algo que negan o portavoz do PP e o propio partido. O ex-asesor de Ábalos dixo que quedara con Miguel Tellado "e con Alberto ao día seguinte".
Fálase
Pontevedra será a sede do ESEE-Degrowth 2024, un congreso no que se agrupan a 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento, entre o 18 e o 21 de xuño. "Son eventos irmáns, que reúnen a elite da investigación sobre economía ecolóxica", salientou o director do grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera.
Ademais da programación científica haberá "actividades non académicas" dirixidas ao conxunto da cidadanía. O evento buscará xerar un debate sobre as ideas do decrecemento e poscrecemento, que, como sinalou Pansera, fan referencia a como as sociedades poden manter "unha relación sostible co medio ambiente" e "vivir mellor sen ter que medrar de forma infinita, que é imposible". [Na imaxe, CC-BY-SA UVigo, a presentación no Concello de Pontevedra]
O Goberno central aproba a lei de Familias que impulsara a ex-ministra Ione Belarra pero aberta a modificacións previstas no acordo de coalición entre Sumar e o PSOE, como ampliar os permisos por nacemento a 20 semanas e retribuír parte do permiso por coidado de fillos.
Ábalos anuncia que seguirá como deputado no Grupo Mixto do Congreso tras a polémica polo 'caso Koldo'. O ex-ministro de Transportes socialista lamenta que foi "privado de atopar unha decisión compartida" coa dirección do seu partido, pero vai "defender a súa honrabilidade persoal" e actuar en "beneficio do compañeirismo" e en "beneficio das siglas" do PSOE.
"Volvo constatar que non estou acusado de nada nin formo parte de ningunha investigación", incidiu José Luis Ábalos, quen destacou que a súa xestión "limitouse" a "conseguir equipamento" e intentar "salvagardar o diñeiro público" a través dun sistema que consistiu en "conxelar o pago ao provedor" ata que non estivera no Estado a mercancía (neste caso as máscaras de protección). "A querela confirma que o procedemento de contratación foi correcto", asegurou. "Non podo acabar a miña carreira política como un corrupto cando son inocente", certificou Ábalos nunha comparecencia sen preguntas no Congreso. [Fotografía CC-BY-SA PSOE]
Formoso confirma que non optará a recuncar como secretario xeral do PSdeG e deixa vía libre a Besteiro para "dotar de estabilidade" o partido escasos días despois de resaltar que "o futuro" da formación pasa por el. O alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña foi elixido líder do PSdeG nas primarias do outono de 2021, polo que o vindeiro Congreso Nacional ordinario teríase que celebrar contra finais de 2025, se ben cabe a posibilidade dunha convocatoria extraordinaria. O máximo órgano do partido entre congresos, o Comité Nacional, reúnese o vindeiro sábado. Na imaxe, Formoso con Besteiro, Pedro Sánchez e Carmela Silva, no peche da campaña do PSdeG para as eleccións do 18F.
O Parlamento Europeo aproba a Lei de Restauración da Natureza malia á oposición do groso do PP europeo e da extrema dereita. A nova norma, concibida para ir alén de protexer os ecosistemas que xa teñen boas condicións e recuperar tamén os xa danados, saíu adiante por 329 votos a prol fronte a 275 en contra e 24 abstencións. Na imaxe [© Parlamento Europeo], un intre do pleno, que se está a desenvolver en Estrasburgo.
- HEMEROTECA | Que é a lei europea para a reparación da natureza e por que o PP trata de freala
- HEMEROTECA | A Comisión Europea cede e desmonta medidas clave para reducir a contaminación do agro
- HEMEROTECA | O Goberno galego súmase aos discursos da dereita europea contra as medidas para atallar o cambio climático
O Sergas incorpora un servizo de videointerpretación para atender as persoas xordas nas urxencias sanitarias, que estará dispoñible 24 horas e 365 días ao ano no 061, en todos os servizos de urxencias hospitalarias e nos PAC. O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, anunciouno no PAC da Casa do Mar da Coruña [na imaxe, CC-BY-SA Consellería de Sanidade], un dos 90 centros nos que se incorpora este servizo en toda Galicia, segundo a Xunta. Esta medida vén dun acordo unánime acadado no Parlamento.
O PSOE pide a Ábalos que entregue a súa acta de deputado por "responsabilidade política" tras o caso Koldo. A executiva do partido espera que o ex-ministro abandone "nas próximas 24 horas".
Gandeiros e gandeiras galegas participan en Madrid na gran tractorada polo futuro do agro. SLG, Unións Agrarias ou Asaga apoian as marchas que conflúen ante o Ministerio de Agricultura.
O I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE) celebrarase en Bruxelas entre os días 8 e 9 de marzo, organizado por Investigal. O obxectivo é establecer unha rede que conecte o persoal investigador que se atopa fóra de Galicia, tanto para buscar posibles sinerxías como para manter o contacto co ecosistema investigador galego. Ademais dos propios investigadores e investigadoras participarán representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain) e doutros organismos dedicados á investigación en Galicia, como as universidades ou o CSIC.