Formoso confirma que non optará a recuncar como secretario xeral do PSdeG e deixa vía libre a Besteiro para "dotar de estabilidade" o partido escasos días despois de resaltar que "o futuro" da formación pasa por el. O alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña foi elixido líder do PSdeG nas primarias do outono de 2021, polo que o vindeiro Congreso Nacional ordinario teríase que celebrar contra finais de 2025, se ben cabe a posibilidade dunha convocatoria extraordinaria. O máximo órgano do partido entre congresos, o Comité Nacional, reúnese o vindeiro sábado. Na imaxe, Formoso con Besteiro, Pedro Sánchez e Carmela Silva, no peche da campaña do PSdeG para as eleccións do 18F.
Fálase
O Parlamento Europeo aproba a Lei de Restauración da Natureza malia á oposición do groso do PP europeo e da extrema dereita. A nova norma, concibida para ir alén de protexer os ecosistemas que xa teñen boas condicións e recuperar tamén os xa danados, saíu adiante por 329 votos a prol fronte a 275 en contra e 24 abstencións. Na imaxe [© Parlamento Europeo], un intre do pleno, que se está a desenvolver en Estrasburgo.
- HEMEROTECA | Que é a lei europea para a reparación da natureza e por que o PP trata de freala
- HEMEROTECA | A Comisión Europea cede e desmonta medidas clave para reducir a contaminación do agro
- HEMEROTECA | O Goberno galego súmase aos discursos da dereita europea contra as medidas para atallar o cambio climático
O Sergas incorpora un servizo de videointerpretación para atender as persoas xordas nas urxencias sanitarias, que estará dispoñible 24 horas e 365 días ao ano no 061, en todos os servizos de urxencias hospitalarias e nos PAC. O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, anunciouno no PAC da Casa do Mar da Coruña [na imaxe, CC-BY-SA Consellería de Sanidade], un dos 90 centros nos que se incorpora este servizo en toda Galicia, segundo a Xunta. Esta medida vén dun acordo unánime acadado no Parlamento.
O PSOE pide a Ábalos que entregue a súa acta de deputado por "responsabilidade política" tras o caso Koldo. A executiva do partido espera que o ex-ministro abandone "nas próximas 24 horas".
Gandeiros e gandeiras galegas participan en Madrid na gran tractorada polo futuro do agro. SLG, Unións Agrarias ou Asaga apoian as marchas que conflúen ante o Ministerio de Agricultura.
O I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE) celebrarase en Bruxelas entre os días 8 e 9 de marzo, organizado por Investigal. O obxectivo é establecer unha rede que conecte o persoal investigador que se atopa fóra de Galicia, tanto para buscar posibles sinerxías como para manter o contacto co ecosistema investigador galego. Ademais dos propios investigadores e investigadoras participarán representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain) e doutros organismos dedicados á investigación en Galicia, como as universidades ou o CSIC.
O temporal volveu deixar este domingo valores extremos de velocidade do vento (147 km/h no Xistral en Muras ou 136 km/h no Penedo do Galo en Viveiro) e chuvia, con máis de 80 l/m2 recollidos ata o mediodía na Serra da Faladoira en Ortigueira e preto de 70 l/m2 en Abadín, Fornelos de Montes, Pedrafita do Cebreiro, Avión ou Redondela, segundo os datos de Meteogalicia.
O Panteón de Galegos Ilustres acolleu estre sábado a homenaxe a Rosalía de Castro organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que se leu o manifesto deste ano do Día de Rosalía, realizado por Carlos Callón.
Alerta vermella por temporal costeiro en todo o litoral galego. Emerxencias actívaa atendendo aos fenómenos meteorolóxicos adversos prognosticados por Aemet dende o mediodía deste venres. As alertas actualizadas pola Axencia Galega de Emerxencias pódense consultar nesta ligazón e os avisos de MeteoGalicia, nestoutra. Na imaxe, de arquivo, un recente temporal na Coruña.
A Xunta actuará "de urxencia" para frear "as humidades" que afectan o Panteón de Galegos e Galegas Ilustres. O conselleiro de Cultura en funcións visitou este xoves o mausoleo sito na igrexa de San Domingos de Bonaval e asegurou que "a obriga de todos é garantir a súa conservación como símbolo do progreso do pobo galego e de honra á memoria das persoas que máis contribuíron a reafirmar a identidade de Galicia". Esta acción pretende conter o deterioro á espera dun plan integral de rehabilitación liderado polo Consorcio de Santiago. A lei que regulará este "símbolo de Galicia", aprobada por unanimidade no Parlamento, aínda se está a desenvolver. [Fotografía: Conchi Paz/Xunta]