A maior parte de Galicia ergueuse este sábado con temperaturas baixo cero e importantes xeadas. Meteogalicia prevé unha suba nos termómetros xa para mañá domingo.
Fálase
18F | O PP revalidaría a maioría absoluta con 39 escanos, o BNG sobe, o PSdeG estáncase e DO entraría no Parlamento, segundo unha enquisa de E-M Analytics para Nós Diario. Sumar e Podemos non lograrían representación no Parlamento. Podes consultar aquí os datos de todos os inquéritos publicados.
Josep Borrell, responsable de Exteriores da UE, salienta que Israel financiou Hamas para debilitar a Autoridade Nacional Palestina e defende que a solución de dous estados "debe ser imposta desde o exterior para traer a paz". "A única solución posible, se excluímos a extinción dunha das partes, é crear dous estados que compartan a terra pola que levan cen anos morrendo", di Borrell na súa investidura como doutor Honoris Causa pola Universidade de Valladolid. "Todo o mundo o pensa menos o goberno israelí". [Imaxe: PSOE de Valladolid]
A Audiencia da Coruña xulga a próxima semana un acusado de estafar 60.000 euros á Xunta con correos electrónicos nos que se facía pasar por un contratista. O xuízo fora sinalado inicialmente para o pasado xuño.
A Xunta Electoral Central amplía ata o xoves 15 de febreiro o prazo para depositar o voto por correo para o 18F. Os solicitantes comezarán a recibir a documentación dentro de dez días e agora vén ampliado nun día máis o prazo para votar, que ata agora remataba o 14.
Educación rectifica e convoca catro prazas de portugués só para EOI nas oposicións de 2024. A asociación Docentes de Português na Galiza lamenta que a Xunta continúe sen convocar prazas para profesores de Secundaria.
A socialista Paula Alvarellos, elixida nova alcaldesa de Lugo en substitución de Lara Méndez cos votos dos grupos municipais de PSdeG e BNG, que continuarán gobernando en coalición. Méndez renunciou á alcaldía para concorrer ás eleccións galegas como número dous da candidatura socialista na provincia lucense, que encabeza o candidato á presidencia, José Ramón Gómez Besteiro.
O Congreso aproba a reforma da Constitución para substituír o termo "diminuídos" por "persoas con discapacidade" no artigo 49. Os únicos votos en contra foron os de Vox. O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, pide "desculpas" pola demora da reforma e coida que o novo texto "salda unha débeda moral". A mudanza pasa agora ao Senado, onde previsiblemente sairá tamén aprobada por ampla maioría absoluta. Na imaxe [© Congreso], o pleno aplaude a representantes de entidades de persoas con discapacidade, tras a votación -a sesión celebrouse no Senado por mor das obras que se están a desenvolver na sede da Cámara Baixa-.
18F | O espazo de debate La caravana, de infoLibre, aborda as eleccións galegas. Conducido por Daniel Basteiro, director do xornal, avaliou as posibilidades de cambio político en Galicia con Aida Pena, Alba Nogueira, Fernando Varela e David Lombao, director de Praza.gal.
O hip-hop galego alza a voz por Palestina. Dios Ke Te Crew, Rebeliom do Inframundo, High Paw, Nadie González, C. Mirazo, Yslem e TIAM Gz participan nun concerto solidario en Compostela.
Será o venres 26 de xaneiro na Sala Malatesta baixo o lema Cultura Contra a Barbarie, nun evento organizado por Pallasos en Rebeldía e presentado por Iván Prado. A recadación de fondos da gala destinarase a proxectos e entidades que traballan sobre o terreo proporcionando axuda humanitaria.