O Congreso aproba a reforma da Constitución para substituír o termo "diminuídos" por "persoas con discapacidade" no artigo 49. Os únicos votos en contra foron os de Vox. O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, pide "desculpas" pola demora da reforma e coida que o novo texto "salda unha débeda moral". A mudanza pasa agora ao Senado, onde previsiblemente sairá tamén aprobada por ampla maioría absoluta. Na imaxe [© Congreso], o pleno aplaude a representantes de entidades de persoas con discapacidade, tras a votación -a sesión celebrouse no Senado por mor das obras que se están a desenvolver na sede da Cámara Baixa-.
