Educación rectifica e convoca catro prazas de portugués só para EOI nas oposicións de 2024. A asociación Docentes de Português na Galiza lamenta que a Xunta continúe sen convocar prazas para profesores de Secundaria.
Fálase
A socialista Paula Alvarellos, elixida nova alcaldesa de Lugo en substitución de Lara Méndez cos votos dos grupos municipais de PSdeG e BNG, que continuarán gobernando en coalición. Méndez renunciou á alcaldía para concorrer ás eleccións galegas como número dous da candidatura socialista na provincia lucense, que encabeza o candidato á presidencia, José Ramón Gómez Besteiro.
O Congreso aproba a reforma da Constitución para substituír o termo "diminuídos" por "persoas con discapacidade" no artigo 49. Os únicos votos en contra foron os de Vox. O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, pide "desculpas" pola demora da reforma e coida que o novo texto "salda unha débeda moral". A mudanza pasa agora ao Senado, onde previsiblemente sairá tamén aprobada por ampla maioría absoluta. Na imaxe [© Congreso], o pleno aplaude a representantes de entidades de persoas con discapacidade, tras a votación -a sesión celebrouse no Senado por mor das obras que se están a desenvolver na sede da Cámara Baixa-.
18F | O espazo de debate La caravana, de infoLibre, aborda as eleccións galegas. Conducido por Daniel Basteiro, director do xornal, avaliou as posibilidades de cambio político en Galicia con Aida Pena, Alba Nogueira, Fernando Varela e David Lombao, director de Praza.gal.
O hip-hop galego alza a voz por Palestina. Dios Ke Te Crew, Rebeliom do Inframundo, High Paw, Nadie González, C. Mirazo, Yslem e TIAM Gz participan nun concerto solidario en Compostela.
Será o venres 26 de xaneiro na Sala Malatesta baixo o lema Cultura Contra a Barbarie, nun evento organizado por Pallasos en Rebeldía e presentado por Iván Prado. A recadación de fondos da gala destinarase a proxectos e entidades que traballan sobre o terreo proporcionando axuda humanitaria.
A CRTVG lanza AGalega, a súa nova plataforma dixital de contidos audiovisuais cuns 1.400 títulos de acceso libre tanto vía web como mediante aplicacións de Android e Apple, xa dispoñibles para a súa descarga, e a partir do mes vindeiro tamén nas principais marcas de televisores intelixentes. O lanzamento inclúe tamén a plataforma Xabarín, con contidos infantís igualmente en formato web e aplicación
18F | O PSdeG lamenta que o PP mude o "sentidiño" polo "mediño" ante os debates electorais. "Foi José Ramón Gómez Besteiro o primeiro en lanzar unha proposta sobre debates que aínda hoxe non foi respondida polo PP", subliña o secretario de organización dos socialistas, José Manuel Lage, quen agrega que Rueda "segue agochándose con subterfuxios mentres Besteiro confirmou a súa presenza nos tres debates propostos ata a data", os da CRTVG, RTVE e a Cadena SER.
18F | Feijóo reitera a petición do PP para que Vox non se presente ás eleccións galegas. Nunha entrevista en EsRadio, o ex-presidente e actual líder dos populares mantén que poden "prexudicar a maioría do PP" e incrementar o risco dun Goberno da esquerda encabezado polo BNG. A formación de extrema dereita rexistrou candidaturas nas catro circunscricións, tal e como figura no DOG deste mércores. Na imaxe [© PP], Feijóo con Santiago Abascal o pasado setembro, na rolda de contactos previa á súa investidura falida.
O Tribunal Constitucional conclúe que o ex-deputado de Podemos Alberto Rodríguez non debeu ser privado do seu escano no Congreso. O tribunal establece que o político canario non podía ser condenado a 45 días de cadea senón só a pagar unha multa, polo que non lle sería de aplicación a inhabilitación polo mesmo tempo de prisión e non tería que deixar o seu escano.
O Diario Oficial de Galicia publica as candidaturas presentadas para o 18F, con 12 formacións repartidas en 10 listas nas provincias da Coruña e Pontevedra e 11 nas de Lugo e Ourense. As listas poden agora recibir alegacións antes de que sexan feitas oficiais. Aquí podes ler as informacións que xa publicamos coas listas dos principais partidos: