Ferroatlántica detén a produción do último forno que tiña en funcionamento en Sabón (Arteixo) e avanza un ERTE en setembro.
Fálase
O Ministerio de Transportes informa con só unhas horas de antelación do corte total da AP-9 entre Santiago e Sigüeiro durante a próxima noite. Por mor das obras do enlace Orbital de Santiago todo o tráfico desviarase pola N-550 nun rodeo duns 15 quilómetros entre as dez da noite deste xoves e as seis da mañá do venres. [Na imaxe, do Google Street View, a travesía urbana de Sigüeiro pola que terá que pasar todo o tráfico].
O Consello da Xunta propón os dous días festivos de ámbito galego do calendario laboral de 2023, que serán o 17 de maio Día das Letras e o 25 de xullo Día Nacional. A estes festivos hai que engadir os de ámbito estatal e dous máis que decide cada concello.
Tanxugueiras, en Times Square. A promoción de Diluvio, o novo disco das cantareiras galegas, chega este emblemático espazo promocional de Nova York a través da plataforma Spotify e o seu programa Equal, centrado en impulsar o talento musical feminino. Imaxe divulgada pola banda nas súas redes sociais.
España oponse ao plan de Bruxelas para impor reducións de consumo de gas aos países da UE ao considerar que a obriga a un esforzo que non lle corresponde. "As familias españolas non van sufrir cortes de gas nin de luz nas súas casas", advirte a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.
O conselleiro de Medio Rural di que emprega o uniforme do servizo de extinción de incendios para “darlle visibilidade e que todos coñezan e valoren”. José González Vázquez adoita vestir unha chaqueta identificada co cargo de “conselleiro” cando se despraza aos incendios. [Foto: Xunta de Galicia]
A Audiencia da Coruña dá a razón aos activistas que ocuparon a Casa Cornide para denunciar o espolio dos Franco. Nun comunicado remitido aos medios, confirman que o tribunal "vén de resolver favorablemente o recurso" que presentaron contra a sentenza que os condenou por coaccións. "Vén darnos a razón cando defendemos que en todo momento foi un acto de libre expresión", sinala Elvira Branco, unha das persoas denunciadas, quen resalta que "seguiremos demandando que a Casa Cornide e todos os bens espoliados pasen a mans públicas".
Pedro Sánchez recibirá a Alfonso Rueda o 28 de xullo, dous meses e medio despois de tomar posesión como presidente da Xunta. Será na mesma xornada en que reciba aos presidentes de Castela e León e Andalucía, onde se celebraron eleccións nos últimos meses.
Manuel Rey Pan gaña o premio Somos Esenciais do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo seu podcast O ano da pandemia, publicado en GCiencia. O xurado do certame, que distingue traballos relacionados coa COVID, concedeu unha mención especial como finalista á reportaxe Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa , de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins, da cooperativa audiovisual Xarda, publicado tamén no xornal portugués Público.
A ex-dirixente da CUP Anna Gabriel regresa a España e entrégase ao Supremo logo de máis de catro anos en Suíza. O xuíz Llarena déixaa en liberdade e vólvea citar para interrogala nas vindeiras semanas.