Tanxugueiras, en Times Square. A promoción de Diluvio, o novo disco das cantareiras galegas, chega este emblemático espazo promocional de Nova York a través da plataforma Spotify e o seu programa Equal, centrado en impulsar o talento musical feminino. Imaxe divulgada pola banda nas súas redes sociais.
Fálase
España oponse ao plan de Bruxelas para impor reducións de consumo de gas aos países da UE ao considerar que a obriga a un esforzo que non lle corresponde. "As familias españolas non van sufrir cortes de gas nin de luz nas súas casas", advirte a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.
O conselleiro de Medio Rural di que emprega o uniforme do servizo de extinción de incendios para “darlle visibilidade e que todos coñezan e valoren”. José González Vázquez adoita vestir unha chaqueta identificada co cargo de “conselleiro” cando se despraza aos incendios. [Foto: Xunta de Galicia]
A Audiencia da Coruña dá a razón aos activistas que ocuparon a Casa Cornide para denunciar o espolio dos Franco. Nun comunicado remitido aos medios, confirman que o tribunal "vén de resolver favorablemente o recurso" que presentaron contra a sentenza que os condenou por coaccións. "Vén darnos a razón cando defendemos que en todo momento foi un acto de libre expresión", sinala Elvira Branco, unha das persoas denunciadas, quen resalta que "seguiremos demandando que a Casa Cornide e todos os bens espoliados pasen a mans públicas".
Pedro Sánchez recibirá a Alfonso Rueda o 28 de xullo, dous meses e medio despois de tomar posesión como presidente da Xunta. Será na mesma xornada en que reciba aos presidentes de Castela e León e Andalucía, onde se celebraron eleccións nos últimos meses.
Manuel Rey Pan gaña o premio Somos Esenciais do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo seu podcast O ano da pandemia, publicado en GCiencia. O xurado do certame, que distingue traballos relacionados coa COVID, concedeu unha mención especial como finalista á reportaxe Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa , de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins, da cooperativa audiovisual Xarda, publicado tamén no xornal portugués Público.
A ex-dirixente da CUP Anna Gabriel regresa a España e entrégase ao Supremo logo de máis de catro anos en Suíza. O xuíz Llarena déixaa en liberdade e vólvea citar para interrogala nas vindeiras semanas.
Álvaro García Ortiz, ex-fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, será o novo fiscal xeral do Estado en substitución de Dolores Delgado, que renuncia por motivos de saúde. O fiscal asumira a acusación pública no caso Prestige.
A vaga de calor deixou máis de 500 mortes en España entre o 10 e o 16 de xullo. O Instituto de Saúde Carlos III sitúa o sábado como o pico máximo, con 150 persoas falecidas.
O Celta, "obrigado a asumir a presenza" de Santi Mina nos adestramentos logo de que o xogador esixise a súa incorporación inmediata ao traballo do primeiro equipo. O futbolista foi condenado a catro anos de cadea por abuso sexual pero reclama incorporarse ao equipo mentres a sentenza non sexa firme. O club, nun comunicado, amosa a súa "sorpresa" por un "movemento encamiñado a danar" a entidade.