Pontevedra será a sede do ESEE-Degrowth 2024, un congreso no que se agrupan a 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento, entre o 18 e o 21 de xuño. "Son eventos irmáns, que reúnen a elite da investigación sobre economía ecolóxica", salientou o director do grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera.
Ademais da programación científica haberá "actividades non académicas" dirixidas ao conxunto da cidadanía. O evento buscará xerar un debate sobre as ideas do decrecemento e poscrecemento, que, como sinalou Pansera, fan referencia a como as sociedades poden manter "unha relación sostible co medio ambiente" e "vivir mellor sen ter que medrar de forma infinita, que é imposible". [Na imaxe, CC-BY-SA UVigo, a presentación no Concello de Pontevedra]