Feijóo nomea Almudena Chacón, ata agora interventora xeral da Xunta, nova directora xeral de Orzamentos, despois de ascender o seu anterior titular, Miguel Corgos, tras a morte do anterior conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. O novo interventor xeral da Xunta será Arturo López Iglesias, ata agora auditor do Consello de Contas.
Fálase
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autoriza a Xunta a esixir o certificado COVID de vacinación, recuperación ou unha proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para aloxarse nos albergues turísticos con cuartos compartidos que utilicen toda a súa capacidade. Isto non será necesario se o albergue fica ao 50% da súa capacidade máxima nin cando todos os ocupantes realicen as etapas do Camiño de Santiago no territorio galego nun mesmo grupo burbulla ou de convivencia estable. A medida entra en vigor este sábado e permanecerá activa ata o día 20 de novembro.
O alto tribunal considera que é unha medida "proporcionada", xa que entende que supón unha "restrición en grao mínimo de dereitos fundamentais", fronte "á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde". Os maxistrados constatan a eficacia da vacinación [na imaxe, vacinación simultánea da gripe e da terceira dose contra a COVID na Coruña CC-BY-SA Sergas] e salientan que nos albergues hai persoas de diferentes procedencias "con coberturas vacinais menores que as de Galicia".
Un sismo de 4.4 na escala Richter ao norte de Ortegal rexistrado ás 6.32 horas desta noite sentiuse en boa parte do norte de Galicia. [Imaxe: Instituto Geográfico Nacional]
O Consello da Cultura Galega concede as súas medallas a Luis García Montero, director do Instituto Cervantes, e a Helena González, profesora da Universidade de Barcelona, pola súa contribución na promoción da lingua e a cultura galega no exterior.
Atraca no porto de Ferrol un buque con 20.000 toneladas de carbón para a central térmica de Endesa, preparada xa para volver queimar o mineral malia estar en proceso de clausura no caso de que llo requira Red Eléctrica. A empresa ten outras 40.000 toneladas almacenadas nas Pontes.
A Audiencia Nacional condena o PP e ao seu ex-tesoureiro, Luis Bárcenas, pola reforma da súa sede central da rúa Génova de Madrid (na imaxe) con máis dun millón de euros en diñeiro negro e volve dar por acreditada a existencia dunha 'caixa B' na formación. Por esta peza separada do caso Gürtel, o tribunal impón a Bárcenas dous anos de cárcere, a quen concede a atenuante de confesión, e considera ao partido responsable civil subsidiario do seu delito.
Ana Pontón confirma que opta á reelección como portavoz nacional do BNG na Asemblea que a formación celebra o 7 de novembro na Coruña.
EPA | A poboación ocupada aumentou en 35.800 persoas en Galicia durante o terceiro trimestre do ano e chega aos 1,11 millóns, 29.900 máis que hai un ano, segundo os resultados da enquisa de poboación activa que veñen de ser publicados. No mesmo trimestre, a poboación en situación de desemprego diminuíu en 25.700, ata as 126.700 persoas, o que supón 18.100 menos que no mesmo trimestre de 2020.
📺VÍDEO | A pasada noite desenvolveuse o debate das primarias á secretaría xeral do PSdeG entre Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso. O actual secretario xeral e candidato á reelección puxo o foco en que cómpre tempo para desenvolver un proxecto "galeguista, feminista, ecoloxista e, por suposto, de esquerdas" tras un mandato no que, sinalou, o partido "avanzou" en todos os procesos electorais. Formoso afirmou que a súa candidatura pode ser quen de impulsar a formación cara ao Goberno galego e censurou que, con Caballero á fronte, os socialistas volvesen ficar en terceira posición nas eleccións galegas. A votación celébrase o sábado, día 30.
O Parlamento tomba o orzamento en Portugal cos votos en contra da dereita, mais tamén do BE e o PCP, e os únicos a favor do PS. O adianto electoral queda agora en mans do presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa.