Este 2 de abril, venres santo, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Regresamos o sábado e, mentres, deixamos moito para ler :)
Fálase
A Real Academia Galega de Belas Artes celebrou este 1 de abril o Día das Artes Galegas coa homenaxe a Domingo de Andrade, a quen xa lle dedicara a celebración en 2020, adiada a causa da pandemia. A institución distinguiuno como "formulador da imaxe de Santiago na contorna da Catedral". Os actos de homenaxe inclúen a instalación dunha placa conmemorativa na capela da Concepción da Catedral compostelá, onde está soterrado.
Un incendio forestal queimou xa unhas 30 hectáreas na parroquia de Marcelle, en Monforte. Segundo informa Medio Rural, un dos avións que participa nos traballos de extinción sufriu o rebentón dunha roda mentres cargaba auga en Doade (Sober). Na imaxe, bombeiros da Brif de Laza traballando neste incendio. (Foto: Brif Laza)
O BOE publica o nomeamento de José Miñones como novo delegado do Goberno de España en Galicia e tamén os cambios no Executivo de Pedro Sánchez tras a saída de Pablo Iglesias, entre eles o nomeamento da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, como vicepresidenta terceira. Díaz e o resto de membros do Goberno que asumen novas responsabilidades prometen os seus cargos esta mañá. Na imaxe, Sánchez e as catro vicepresidentas, este martes na Moncloa. (Foto: ©Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España)
O Goberno de España recorre ao Tribunal Constitucional a reforma sanitaria galega. Tras a aprobación o 23 de febreiro da lei no Parlamento de Galicia, o Executivo de Sánchez pediu hai dúas semanas un ditame ao Consejo de Estado por considerar que pode afectar a dereitos fundamentais e este martes o Consejo de Ministros decidiu presentar o recurso.
A Xunta mantén Beade como único concello con peche perimetral e o resto de máximas restricións pola COVID-19 dende o vindeiro venres, 2 de abril. Dende esa mesma xornada, 11 municipios quedan no nivel alto, ao que se suman O Irixo, A Pobra do Brollón e Rábade. Mentres, Vilardevós descende ao nivel medio, ao que se engaden Moaña, Gondomar, Meis e Carral. O resto de concellos pasan ao nivel baixo ou continúan nel. Así o vén de confirmar a Consellería de Sanidade. Máis información, esta tarde en Praza.gal.
O alcalde de Ames, José Miñones, será o novo delegado do Goberno de España en Galicia en substitución de Javier Losada, segundo conta Radio Galicia-Cadena SER Losada ocupaba o cargo dende xuño de 2018, apenas dúas semanas despois da moción de censura tras a que Pedro Sánchez chegou por primeira vez á presidencia do Executivo.
Logran reflotar e desencallar o Ever Given, o cargueiro que estaba a atrancar o canal de Suez dende a pasada semana, obstaculizando o tráfico marítimo mundial. (Imaxe: Vessel Finder)
Beade é a partir deste luns o único concello no nivel máximo de restricións pola COVID-19 e, polo tanto, con peche perimetral. Sanidade volverá revisar a evolución da pandemia e as restricións a aplicar este martes.
Este domingo cambia a hora e ás 2:00 serán as 3:00. Hai dous anos o Goberno central decidiu manter de momento a diferenza entre os horarios de verán e inverno e será a UE a que decida o futuro desta medida.