O BOE publica o nomeamento de José Miñones como novo delegado do Goberno de España en Galicia e tamén os cambios no Executivo de Pedro Sánchez tras a saída de Pablo Iglesias, entre eles o nomeamento da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, como vicepresidenta terceira. Díaz e o resto de membros do Goberno que asumen novas responsabilidades prometen os seus cargos esta mañá. Na imaxe, Sánchez e as catro vicepresidentas, este martes na Moncloa. (Foto: ©Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España)
Fálase
O Goberno de España recorre ao Tribunal Constitucional a reforma sanitaria galega. Tras a aprobación o 23 de febreiro da lei no Parlamento de Galicia, o Executivo de Sánchez pediu hai dúas semanas un ditame ao Consejo de Estado por considerar que pode afectar a dereitos fundamentais e este martes o Consejo de Ministros decidiu presentar o recurso.
A Xunta mantén Beade como único concello con peche perimetral e o resto de máximas restricións pola COVID-19 dende o vindeiro venres, 2 de abril. Dende esa mesma xornada, 11 municipios quedan no nivel alto, ao que se suman O Irixo, A Pobra do Brollón e Rábade. Mentres, Vilardevós descende ao nivel medio, ao que se engaden Moaña, Gondomar, Meis e Carral. O resto de concellos pasan ao nivel baixo ou continúan nel. Así o vén de confirmar a Consellería de Sanidade. Máis información, esta tarde en Praza.gal.
O alcalde de Ames, José Miñones, será o novo delegado do Goberno de España en Galicia en substitución de Javier Losada, segundo conta Radio Galicia-Cadena SER Losada ocupaba o cargo dende xuño de 2018, apenas dúas semanas despois da moción de censura tras a que Pedro Sánchez chegou por primeira vez á presidencia do Executivo.
Logran reflotar e desencallar o Ever Given, o cargueiro que estaba a atrancar o canal de Suez dende a pasada semana, obstaculizando o tráfico marítimo mundial. (Imaxe: Vessel Finder)
Beade é a partir deste luns o único concello no nivel máximo de restricións pola COVID-19 e, polo tanto, con peche perimetral. Sanidade volverá revisar a evolución da pandemia e as restricións a aplicar este martes.
Este domingo cambia a hora e ás 2:00 serán as 3:00. Hai dous anos o Goberno central decidiu manter de momento a diferenza entre os horarios de verán e inverno e será a UE a que decida o futuro desta medida.
A prevalencia da variante B.1.1.7 (descuberta no Reino Unido) en Galicia supera o 92%, segundo o último dato publicado polo Ministerio de Sanidade, porcentaxe semellante á rexistrada en Asturias, Cantabria ou Navarra. A finais de febreiro a prevalencia da variante xa se situaba en Galicia no 80%.
Un incendio na fábrica de Stellantis (PSA) en Vigo obriga a parar a produción. O fogo declarado na planta de pintura non provocou danos persoais, tras seren desaloxadas 300 persoas.
“Éche o que hai”: o Festival PortAmérica apraza a 2022 a súa seguinte edición porque non ve garantido que este verán o público “viva unha experiencia plena”. A organización ofrece a devolución da entrada a quen xa a comprase ou manter a súa validez para o próximo ano.