“Éche o que hai”: o Festival PortAmérica apraza a 2022 a súa seguinte edición porque non ve garantido que este verán o público “viva unha experiencia plena”. A organización ofrece a devolución da entrada a quen xa a comprase ou manter a súa validez para o próximo ano.
Fálase
Beade será a partir do luns o único concello no nivel máximo de restricións e, polo tanto, con peche perimetral. Vén de anuncialo a Consellaría de Sanidade despois da xuntanza do Subcomité Clínico. No nivel alto estarán Maside, Vilardevós, Cortegada, Abegondo, Ortigueira, O Saviñao, Baiona, Sanxenxo, Pazos de Borbén e Padrenda. E no nivel medio ficarán Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas Cangas, O Carballiño, Carral, Celanova, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Laxe, Neda, Pantón, Ribadavia, Sober e Xinzo de Limia.
Galicia recibirá 234,5 millóns das axudas directas do Estado para pemes e autónomos, segundo vén de publicar o BOE, que detalla a repartición entre as comunidades dos 7.000 millóns de euros destinados a paliar os efectos da COVID.
A Xunta di que apoiará ou presentará ata 354 proxectos aos fondos europeos de recuperación Next Generation "cos que se poderían mobilizar 19.698 millóns de euros". Así o afirmaron Feijóo e todos os membros do Goberno na rolda de prensa posterior a reunión semanal do Consello, onde o presidente da Xunta confirmou que non prevé, polo momento, facer público de que proxectos se trata nin que empresas participan neles. Iso, di, sucederá "cando teñamos xa pechados definitivamente os listados". 247 corresponderían ao "sector público" e 107 ao privado, di, nun contexto no que reclama ao Goberno de España que como "árbitro" non "inflúa no resultado" no reparto dos fondos. (Foto: David Cabezón / Xunta)
O xulgado do Porriño conclúe que o accidente de tren na vila en setembro de 2016 se debeu a un exceso de velocidade do maquinista falecido e arquiva o caso. No sinistro morreran catro persoas, entre elas o propio condutor.
O Boletín Oficial do Estado publica a lei de eutanasia. Dende agora, a Xunta dispón de tres meses para constituír a comisión do Sergas que terá que avaliar cada solicitude para acollerse a este dereito.
Rajoy e Aznar alegan ignorancia sobre a 'caixa B' do PP nas súas declaracións como testemuñas no xuízo que se desenvolve na Audiencia Nacional e reducen a mentiras as acusacións sobre a recepción de sobresoldos. Escasas horas antes, Feijóo negouse a responder no Parlamento sobre a contabilidade do PP que se axuíza nese mesmo proceso por estarmos "no medio dunha pandemia".
Beade e Maside son os únicos concellos que dende este venres ficarán no nivel máximo de restricións ante a COVID, con limitacións de mobilidade. A Xunta establece o nivel alto para Vilardevós, Ortigueira, Abegondo, Neda, O Saviñao, Sanxenxo e Baiona. E o nivel medio estará vixente en Boimorto, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Bergondo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo, A Coruña, A Laracha, Betanzos, Camariñas, Laxe, Valdoviño, Coles, Soutomaior, Cangas, Sober e Pantón. O resto de Galicia queda no denominado "nivel medio-baixo", despois da xuntanza do Comité Clínico que vén de rematar.
As escolas infantís públicas da Xunta inician a reserva de praza, aberta ata o 12 de abril. O Goberno galego publica este martes no DOG o comezo do procedemento tanto para os centros da Axencia Galega de Servizos Sociais como do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que comparte cos concellos.
A Xunta mantén só a Asturias, Madrid, Euskadi e Catalunya na lista de comunidades coa obriga de control pola COVID de viaxeiros que cheguen a Galicia. Unha nova actualización da anterior listaxe de territorios publicada hai dúas semanas segue a contemplar o rexistro de viaxeiros para Francia pero xa non para Portugal.