Miguel Santalices recunca esta mañá como presidente do Parlamento na undécima lexislatura. O PP vén de confirmar que volve optar polo veterano parlamentario ourensán, que exerce o cargo dende 2016 e manteñen na Mesa a Diego Calvo como vicepresidente, agora secundado por Corina Porro como secretaria primeira. Os conservadores continuarán tendo a Pedro Puy como voceiro e outorgan á lucense Elena Candia unha terceira viceportavocía xunto ás de Miguel Tellado e Paula Prado.
Fálase
🔴📺AO VIVO | Dende as 11, constitución do Parlamento da XI Lexislatura. Pódese seguir a sesión en directo na web da Cámara galega.
Unha vintena de científicos e investigadores, entre eles o galego Juan Gestal, reclaman unha investigación independente sobre a xestión da pandemia do coronavirus por parte do Goberno de España e das comunidades autónomas. Fano nunha carta publicada na prestixiosa revista científica The Lancet.
Juan Carlos de Borbón voou o luns de Vigo aos Emiratos Árabes nun voo privado, segundo o ABC. Nos últimos días especulárase con que o rei emérito viaxara a Portugal ou á República Dominicana xusto antes do anuncio da súa marcha de España en pleno aluvión de escándalos financeiros.
O Concello da Coruña comparece como parte na causa xudicial aberta contra a Liga e o Club de Fútbol Fuenlabrada polo brote de coronavirus importado á cidade. O goberno local, que xa denunciou o caso á Fiscalía, sinala que esta nova decisión se debe á intención de "actuar coa máxima contundencia" contra quen "movidos por intereses espurios, puxeron en risco á cidade" aínda "sabendo que nas súas filas se detectaran positivos" da COVID-19.
27 persoas illadas entre o persoal do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras teren contacto cunha paciente que deu positivo por coronavirus na PCR previa a unha operación cirúrxica, que foi suspendida, informa o Sergas. Recólleo a TVG. Consulta neste espazo de Praza.gal máis información sobre o caso e os datos máis recentes da COVID-19 en Galicia.
A Xunta actualiza os territorios de "obrigado rexistro" para o control de viaxeiros pola COVID-19 antes de que venza o prazo: agora si estará incluído Madrid e fica fóra Portugal. "Continúan na lista Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco", agrega Sanidade, que publicará a resolución nunha edición extraordinaria do DOG, esta tarde. Ampliamos a información neste espazo
O Parlamento instala paneis de seguridade entre os escanos en vésperas da sesión constitutiva da XI Lexislatura, que se celebra este venres, para evitar contaxios do coronavirus. Aínda que o lexislativo galego ten habilitada a votación telemática para algúns supostos, o Regulamento fixa que todos os seus membros estean presentes para prometer ou xurar o cargo e non dispón de ningún recinto maior que o propio hemiciclo para manter maior distancia entre escanos. (Imaxe: Parlamento de Galicia)
Dous incendios forestais queiman unhas 100 hectáreas en dúas parroquias de Viana do Bolo: Pradorramisquedo e Rubiais. Na tarde do mércores tamén se produciu un incendio en Bugallido (Ames), que Medio Rural dá xa por extinguido tras afectar a 21,5 hectáreas. O Goberno galego segue sen informar de todos os incendios forestais que se producen. Na imaxe, da Brif de Laza, o inicio do incendio en Pradorramisquedo.
Feijóo sae na defensa da Monarquía e "do papel do rei Juan Carlos na transición" tras a fuxida do ex-xefe do Estado. O presidente da Xunta en funcións e candidato á reelección polo PP apela á "presunción de inocencia" para o monarca e di ver "moi preocupante" que haxa "membros do Goberno" que queiran "erosionar" a Coroa.